publicidade hoxe

O Concello de Lalín racionalizará o acendido do alumeado público para optimizar o seu uso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno municipal de Lalín vén de iniciar os traballos para racionalizar o acendido do alumeado público e optimizar o seu funcionamento. A iniciativa, que están a desenvolver de maneira conxunta as concellerías de Rural e de Obras, persegue acadar un aforro no consumo eléctrico e propiciar unha maior eficiencia enerxética no uso dos puntos de luz de municipio. Con este obxectivo estase a realizar dende hai uns días unha análise pormenorizada das necesidades que existen nas diferentes rúas e parroquias de Lalín. Este estudo busca coñecer que puntos de luz son prescindibles e en que lugares se precisa que aumente o número de postes.

Nun primeiro repaso aos diferentes sectores do tendido eléctrico, detectouse que existen moitos lugares nos que se poden apagar bombillas sen afectar en absoluto ao servizo que se presta e outros nos que cómpre garantir unha mellor iluminación. Porén, o que se percibe  de maneira maioritaria é que existe un exceso de bombillas acesas nalgúns lugares. Partindo desta base, o Concello xa procedeu a desactivar aqueles puntos de luz que se consideran accesorios e cuxo apagado permite manter unhas condicións idóneas de luminosidade na rúa sen ocasionar problemas á veciñanza. Así, en ningún caso se apagarán os puntos de luz que estean a carón de vivendas ou en lugares nos que sexa necesaria unha boa iluminación para garantir a seguridade de vehículos e viandantes. 

Esta primeira análise tamén revelou varios casos de fraude, con enganches de luz a vivendas particulares dende a rede pública do Concello.  Neste sentido o Goberno anuncia que non vai ser permisivo con este tipo de situacións que constitúen un uso non autorizado de recursos públicos e que, como tales, se financian cos cartos de todos os lalinenses. 

No obxectivo de optimizar o acendido do alumeado público, o Concello tamén amosou a súa intención de instalar de maneira gradual células fotosensibles en todos os cadros. Non obstante, trátase dun proceso complexo e a longo prazo debido, entre outras cousas, aos altos custes da súa instalación. As células fotosensibles actívanse de maneira automática en función da cantidade de luz. Estes sistemas son os máis funcionais, aínda que, por exemplo, en días de néboa espesa ou con pouca visibilidade por motivos meteorolóxicos, pode darse a circunstancia de que se manteñan acendidas as luminarias polo día innecesariamente.

10 de febreiro de 2016 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.