publicidade hoxe

O alcalde de Ponte Caldelas logra un acordo cos veciños da Reigosa para conectar unha billa para a EDAR

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, logrou onte a noite un compromiso, que será recollido por escrito, entre o Concello e os comuneiros e reitores da comunidade de augas da Reigosa para permitir a conexión dunha billa para dar servizo ao operario municipal encargado de facer labores de mantemento na EDAR.

Este acordo, que será subscrito por seis meses para evaluar o consumo real que supón este enganche e poder establecer un novo acordo con coñecemento de causa, resultou factible despois dos esforzos do equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas para desbloquear unha situación provocada pola decisión unilateral e sen autorización, tomada polo anterior alcalde, Perfecto Rodríguez, de conectarse á traída sen comunicarllo previamente e sen solicitar permiso aos rectores do servizo veciñal.

Segundo Andrés Díaz, “costounos moito desaturulla-la situación posto que os posicionamentos estaban moi enconados debido ás mentiras e enganos do anterior alcalde, Perfecto Rodríguez, quen decidira enganchar unha billa da EDAR á traída de augas sen solicitar autorización ou comunicación previa aos veciños, que se amosaron moi molestos pola prepotencia e arrogancia mostrada polo dirixente do PPdeG neste tema”, indicou o alcalde de Ponte Caldelas.

Por outra banda, Andrés Díaz sinalou que xa se están procedendo a enganchar ao alcantarillado da Reigosa as primeiras vivendas que solicitaron darse de alta no servizo, unha vez aclarados os problemas e resoltos os atrancos que impedían a súa entrada en funcionamento. 

As deficiencias detectadas xa foron subsanadas pola empresa executora da obra dado que os compromisos de palabra e por escrito que fixo Perfecto Rodríguez con algúns veciños non son responsabilidade da empresa. De cara ós orzamentos do ano que ven trataremos de acometer estes problemas. 

Finalmente, Andrés Díaz pediulle publicamente a Perfecto Rodríguez que “deixe de enredar e asuma dunha vez a súa derrota e os seus erros, que son moitos, e que os tempos do ordeno e mando xa remataron. Aquí hai agora un novo equipo de xestión que goberna por, para e cos veciños que son os auténticos donos dos cartos que pagan dos impostos e teñen dereito a saber en que e como se gastan, escoitando e tendo sempre en conta as demandas, necesidades e prioridades dos cidadáns de Ponte Caldelas”, concluíu Díaz Sobral.

22 de outubro de 2015 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.