publicidade hoxe

A Xunta inviste 110.000 euros na mellora de cinco camiños rurais de Tordoia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTordoia
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá Tordoia para supervisar, xunto co alcalde da localidade, Antonio Pereiro, o proxecto de reparación de varios camiños rurais que se ven de rematar no concello. Trátase dunha actuación enmarcada dentro do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal correspondente ao exercicio 2014-2015, impulsado pola Consellería do Medio Rural e do Mar. Deste xeito, o concello dispuxo dunha achega de 109.849 euros para realizar estas intervencións.

Os traballos, leváronse a cabo en cinco camiños que unen os lugares de Mordón e Nogueira, na parroquia de Bardaos; de Capador e a igrexa de Tordoia, en Cabaleiros; de Paradela e Abongo, en Leobalde; A Balsa, en Pontepedra; e de Tarroeira, en Castenda. En total, a actuación cubre unha lonxitude que supera os seis quilómetros de pistas de carácter municipal, onde se acometeu a mellora da capa de rodadura, tratamentos asfálticos superficiais, a limpeza e perfilado de cunetas e o arranxo das fochas existentes nalgún dos casos, así como a mellora do drenaxe e da sinalización.

Do Campo apuntou que o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo intervencións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

A delegada territorial tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Tordoia. Neste senso, amosouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”.

7 de outubro de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.