publicidade hoxe

Protección Civil de Cambre retira preto de 70 niños de avispas velutinas en só tres meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal Portada
A-
A+
Un dos niños retirados

Un dos niños retirados

O Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil de Cambre retirou desde o inicio do verán preto de setenta de  niños de avispa velutina localizados en varias parroquias do municipio. Desde o Concello recoméndase avisar ao 112 no caso de que se atope algún, xa que é a Xunta quen é a competente para retirar estes niños, que en gran parte están a ser atallados voluntariamente polos profesionais cambreses de emerxencias. O concello está a asimilar un elevado custo á hora de eliminar esta praga. Gastáronse unha partida económica para equipar aos profesionais con traxes especiais e material diverso para facer fronte a este insecto invasivo.

En todos os operativos levados a cabo en Cambre polo SEMPC agárdase a que a noite sexa completamente pechada,  momento idóneo para eliminar aos niños, xa que é cando hai máis garantías de que a colonia está toda xunta dentro do niño. A cuestión ten a súa importancia debido a que as avispas que queden fóra son capaces de reenxendrar unha nova colonia. Segundo os profesionais cambreses, a empresa semipública encargada de erradicar adoita acudir ás alertas de día, de maneira que a destrución dos niños ten moitas probabilidades de traer aparellada a multiplicación do problema cando o que se persegue é eliminalo de raíz. Os niños atopáronse en practicamente todas as parroquias do concello e en lugares moi dispares. Desde coches abandonados,  cornixas, tellados, árbores, garaxes, mesmo no interior de vivendas rurais. Segundo o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, o problema está a agravarse e advirte das nefastas consecuencias da proliferación destes insectos letais para as especies autóctonas. Cre que é urxente unha actuación conxunta de todos as administracións posto que está demostrado que os avisos dos veciños ao 112 son estériles en moitos casos. Lembra que existen en Cambre seis niños localizados a unha gran altura que nin a empresa da Xunta nin o SMEPC puideron eliminar. “Os niños situados a unha gran altura son practicamente imposibles de eliminar polos nosos profesionais que non contan con elevadores que alcancen estas alturas”, sostén.

18 de setembro de 2015 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.