publicidade hoxe

Os cativos da Aldea de Verán e da Rolada achéganse ao mundo dos cans

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Actividades dos cativos cos cans

Actividades dos cativos cos cans

Os nenos e nenas da Aldea de verán e da EIM A Rolada tiveron este venres unha actividade moi especial dentro da programación conxunta da que gozan na xornada antes da fin de semana. E é que Yago Ricoy e Elisa Rodríguez -dous especialistas en intervención asistida con animais- pasaron polo pavillón do CPI para ensinarlles moitas curiosidades sobre os cans e sobre como deben coidalos. Non foron sós, senón que levaron canda si catro exemplares de outras tantas razas cos que os nenos e nenas puideron interactuar.

Yago Ricoy -adestrador e propietario da empresa Lobos de Naraío- explicou que a xornada consistiu nun obradoiro de educación cívico-canina orientada aos máis pequenos co obxectivo de “fomentar o respecto e a comprensión” cara aos cans, facéndolles ver que non son xoguetes e mostrándolles de que maneira lles poden ensinar a facer multitude de cousas a cambio de cariño, respecto e un pequeno premio. De feito unha das primeiras ensinanzas que se lles deu aos rapaces e rapazas foi a de como acariciar estes animais, algo que debe facerse masaxeándolles o colo e nunca dándolles golpes na cabeza coa palma da man. 

A mañá foi unha auténtica festa e unha demostración ao vivo das habilidades caninas. Os tres primeiros animais deixáronse tocar e abrazar pacientemente e foi un deles, a cadeliña Lana, quen máis fixo desfrutar a cativería. 

Lana é da raza golden retriever e ten só 4 meses. Igual ca unha nena está na fase de descubrir o mundo que a rodea e por iso o encontro foi para ela un exercicio de aprendizaxe e unha primeira proba para o futuro que a agarda. A súa adestradora, Elisa Rodríguez, está empezando a traballar con ela coa intención de convertela en parte fundamental dun equipo de intervención asistida con animais, de maneira que sirva de axuda en procesos educativos, sociais e, sobre todo, terapéuticos. “Non hai ningunha raza específica, calquera can e calquera raza vale, só fai falla que estea socializado e que teña unhas características e aptitudes especiais”, explica Rodríguez. Para Yago Ricoy a visita aos nenos e nenas foi unha boa oportunidade de ver esas aptitudes, xa que aturar tanta cativería e tantas mostras de cariño infantil pode ser “unha situación estresante” que, sen embargo, Lana “soportou moi ben”.

Fóra a alma, os cans e cadelas son coma a xente e teñen a súa propia personalidade e temperamento. Algunhas razas incluso conservan boa parte da xenética dos seus curmáns os lobos. É o caso do lobo checoslovaco, seguramente o can que máis se asemelle aos canis lupussalvaxes. Barbu, unha femia de 7 anos desta raza, foi a auténtica sorpresa da mañá.

Antes de mostrala, Yago Ricoy pediulles aos nenos e nenas que non fixesen ruído nin movementos súbitos. Non porque Barbu sexa perigosa, senón porque ten esa desconfianza natural nun lobo que aínda é maior en contornos estraños e con persoas descoñecidas para ela. Os pequenos seguiron as instrucións do adestrador e tras uns minutos observando, Barbu foi achegándose pouco a pouco ao grupo. “Mira, é un lobo!” foi o murmurio común duns nenos e nenas con bocas abertas, ollos coma pratos e unha desconfianza só comparable á do propio animal, debido quizais á influencia de tantos contos populares onde o lobo sempre é o malo da historia. Con todo as barreiras acabaron rompendo e os nenos e nenas puideron estar ao pé de Barbu e deixar que lles comese na man, sempre baixo a mirada atenta de Ricoy, un dos poucos criadores desta raza en España.

27 de xullo de 2015 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.