publicidade hoxe

O rexedor de Navia cre que o incendio que afecta a 430 hectáreas foi intencionado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNavia de Suarna
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Navia de Suarna, o socialista José Fernández, asegurou que o incendio rexistrado na localidade da montaña lucense, que xa calcinou 431 hectáreas, deu a entender que este lume sería intencionado e reclamou “prevención”. “Posiblemente fose intencionado, aínda que non o podo afirmar pero pola hora en que se produciu e o lugar cabe esa posibilidade. Tamén puido ser un accidente”, manifestou.

O incendio iniciouse sobre as 17,30 horas do sábado na “beira dunha estrada que une Navia de Suarna con Asturias, coa localidade de Ibias”.

A magnitude das chamas case alcanza as casas do lugar. De feito, o alcalde sinalou que “non chegou porque o traballo dos veciños durante o ano é o que evita estas cousas, ao limpar as leiras ao redor das vivendas”.

REDE NATURA

“Iso evitou que se queimasen casas”, esgrimiu, antes de advertir que as administracións “teñen que coidar estas cousas” e incrementar “a prevención en zonas onde hai moito bosque”.

Ademais, incidiu en que o lume se rexistrou “nunha zona ecolóxica importante”, que se corresponde coa Rede Natura.

27 de xullo de 2015 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.