publicidade hoxe

Maná e Bright Eyes súmanse ao ambicioso cartel do Gozo Festival que consolida Galicia como sede de grandes concertos e citas internacionais

Presentación do Gozo Festival

Os Concertos do Xacobeo, impulsados pola Axencia de Turismo de Galicia, regresan neste 2025 cun programa amplo e plural, que apoia aos principais eventos musicais da comunidade galega e que, ano tras ano, aposta por situar a Galicia como un dos destinos referentes para os públicos coas preferencias culturais máis esixentes e diversas. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que anunciou os concertos de Maná o 5 de xullo no Monte do Gozo, e de Bright Eyes o 11 do mesmo mes na Sala Capitol, os dous en Santiago de Compostela

O Gozo Festival é unha das grandes citas dos Concertos do Xacobeo e neste 2025 achegará a Galicia figuras internacionais de renome como Lenny Kravitz (nun concerto no que contará con Estrella Morente como artista convidada), David Guetta, Alanis Morissette ou Lionel Richie, e aos que se suman agora Maná e Bright Eyes.

Nominado para entrar no mítico Rock and Roll Hall of Fame, Maná esta considerado o grupo de rock en español máis influente do mundo e un dos nomes latinos máis importantes de todos os tempos a banda. Cunha traxectoria de 40 anos no panorama musical internacional, suman 133 álbums de ouro, 256 de platino, 4 premios GRAMMY®, 9 premios GRAMMY® Latinos, 26 Billboard Latinos, 15 Premios O Noso e galardóns especiais como o Premio Billboard Latino á Traxectoria Artística recollido en 2018 e a Icona Latin Billboard obtido en 2021.

Bright Eyes estrearase o 11 de xullo en Galicia liderando o escenario indie de principios do século XXI con discos como “Lifted” ou “I’m Wide Awake, It’s Morning” con Oberst como unha das voces máis representativas do xénero. Deleitará ao público galego co seu 11º álbum, ‘Five Di, All Threes’, recen estreado e un traballo que conta coas colaboracións de Cat Power ou Matt Berninger (The National).

Firme aposta da Xunta

Durante a súa intervención, Xosé Merelles remarcou que “a Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais. Proba disto é o noso apoio ao Gozo Festival unha edición máis, no marco do proxecto Concertos do Xacobeo”. Ademais, destacou que “o Gozo Festival é una cita que ofrece a posibilidade de ver en Galicia xiras internacionais de renome”. Na súa pasada edición, en 2024, logrou a cifra récord de máis de 75.000 asistentes, procedentes de máis de 20 países.

Merelles quixo salientar, tamén, o impacto internacional deste destacado evento do calendario musical apoiado pola Xunta de Galicia, que se consolida neste 2025 para celebrar a súa terceira edición coa singularidade artística como estandarte, con estrelas internacionais de estilos musicais ricos e plurais, para o goce dos públicos máis diversos.

“É salientable o impacto turístico e económico do Gozo Festival, un evento que, espallado ao longo de todo o ano, axuda a desestacionalizar o noso turismo”, apuntou Merelles ao tempo que remarcou “a importancia de que Galicia acolla espectáculos deste nivel, que son capaces de atraer a milleiros de persoas e que contribúen a diversificar o noso turismo nos diferentes momentos do ano” ademais de xerar emprego e gasto nas cidades que o acollen.

Sobre o Gozo Festival

A terceira edición do Gozo Festival deu o seu pistoletazo de saída o pasado mes de febreiro de 2025 co concerto do grupo Franz Ferdinand na sala Pelícano da Coruña, mentres que, no mes de marzo, o domingo 16, tivo tamén lugar, no Auditorio Mar de Vigo, o directo dunha das grandes voces femininas a nivel internacional, a estadounidense Anastacia.

Xa no mes de abril, concretamente o xoves día 10, o Gozo Festival, da man de Concertos do Xacobeo, presentará no Coliseum da Coruña ao lendario Lenny Kravitz. No mesmo recinto terán lugar outros dous grandes concertos no mes de xullo, con Alanis Morissette (o mércores 9) e Lionel Richie (o xoves 31). Pola súa banda, o Monte do Gozo de Santiago de Compostela vivirá unha nova edición da mellor música electrónica co BBF, que o domingo 6 de xullo estará encabezado polo gran dj David Guetta.

A Xunta de Galicia continúa así dinamizando a oferta turística das cidades galegas durante todo o año co apoio a grandes concertos e festivais como este Gozo Festival, que naceu en 2023 co patrocinio do goberno galego. Na pasada edición da cita, en 2024, máis de 75.000 persoas asistiron aos concertos de estrelas mundiais como Ed Sheeran, Maná, Bomba Estéreo, Queens of the Stone Age ou The Warning, entre outros, cun público procedente de máis de 20 países, como México, Finlandia, Brasil ou Xapón.

27 de febreiro de 2025 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.