publicidade hoxe

A Xunta destaca a contribución do deporte á economía galega ao supoñer o 1,3% do PIB en Galicia e xerar máis de 22.000 empregos directos e indirectos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaPalas de Rei
A-
A+

Diego Calvo en Palas de Rei

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe as instalacións do grupo Jim Sports de Palas de Rei xunto co presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Pedro Iglesias e a xerente do organismo, Sofía Toro, campioa olímpica de vela na categoría Elliot 6 metros nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.

O acto enmárcase nunha rolda de visitas para coñecer a actividade prestada por empresas do sector do deporte da comunidade e neste caso percorreu a sede desta empresa que se centra a súa actividade na fabricación, importación, construción, distribución e exportación de todo tipo de material deportivo a tendas e distribuidores deste ámbito, así como de infraestruturas e equipamentos do sector.

Diego Calvo comprobou por que esta empresa de case 30 anos está considerada un referente en Europa ao tratarse dunha das maiores entidades de loxística deportiva a nivel europeo. Conta con presenza en case todos os continentes e con mercado en medio cento de países.

Durante a visita, o conselleiro de Deportes destacou a contribución do deporte á economía galega que, segundo os datos de 2022, representa o 1,3% do Produto Interior Bruto e o 1,95% sobre o emprego, xerando 22.140 postos de traballo, tendo en conta tanto o impacto directo e indirecto. Estes datos figuran recollidos na Análise do sector do deporte, que vén publicarse recentemente o Instituto Galego de Estatística (IGE) no marco da iniciativa da Xunta para cuantificar a dimensión económica do sector.

O traballo comezou en decembro de 2020 e deu como resultado a Conta Satélite do Deporte, unha medida pioneira no conxunto do Estado, xa que esta operación estatística non existe en ningunha outra comunidade nin na Administración Xeral do Estado.

Como destacou o conselleiro de Deportes, o Goberno galego afonda así no coñecemento da economía a través do estudo do sector do deporte que, pola súa importancia, debe ser avaliado en detalle pola estatística pública. “O coñecemento e a toma de decisións ao redor do sistema deportivo en Galicia poderán valerse da enorme utilidade que proporciona a información e os datos obtidos de distintos parámetros económicos do deporte cunha medición completa da relevancia económica deste en Galicia”, sinalou.

O Goberno galego comparte co Clúster o obxectivo e o compromiso de situar o deporte galego nunha posición de liderado, polo que mantén unha estreita colaboración con este organismo no que se integran máis dun cento de empresas deportivas. A Xunta e a entidade colaboran en promover a práctica deportiva entre os colectivos con maior taxa de abandono do deporte e avanzar nun plan a medio prazo encamiñado a fomentar a actividade física en todas as franxas de idade coa meta de chegar en 2030 aos 2 millóns de persoas que practican actividade física.

27 de febreiro de 2025 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.