Entrega do IX premio do Concurso Balbino de Relatos a Juanjo Lamelas e presentación da obra gañadora
O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle o mércores 20 de novembro, ás 20:00 h, a entrega do premio do Concurso Balbino de Relatos ao gañador desta novena edición, a Juanjo Lamelas, nun acto no que tamén será presentada a obra premiada, o libro O meigallo dos soños.
No acto, o autor estará acompañado polo profesor, escritor e membro do xurado do Concurso Xosé Manuel Lobato, a profesora e escritora Rosalía Morlán, o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o concelleiro de Cultura do Concello de Vila de Cruces, Julio López; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela; e o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.
Durante o acto contaremos co acompañamento musical de Armando González.
A obra
O meigallo dos soños é a obra que resultou gañadora do IX Concurso Balbino de Relatos da que o xurado do premio, composto por Carlos Loureiro (profesor e escritor), Fernando González Graña (escritor e dramaturgo), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario) destacaron “a súa variedade temática e a axeitada inserción de tramas nas que o detectivesco e o histórico se dan a man cos relatos de natureza máis telúrica, onde o mundo dos nosos labregos e mariñeiros adquire carácter protagónico”. Tamén incidiron na súa solvencia nos diálogos e descricións, “a través das diferentes narracións que se nos propoñen componse un amplo mosaico de personaxes que, de seguro, atrapará o interese do lectorado“.
Tal e como describe o propio autor, “un trasno argallou este libro de relatos onde se mesturan historias de labregos e mariñeiros, de emigrantes, de afiadores e músicos, de mulleres de inusitada forza. Existencias cheas de valentía, de risco e de esperanza. Tamén atoparás seres que viven nos soños e nas lendas, meigas, mouras, aveloíñas, maruxaiñas…, que marcan os destinos dos vivos”.
Concurso
Baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.
De periodicidade anual, as bases que debían cumprir os orixinais presentados requirían unha extensión de entre 100.000 e 200.000 caracteres e, como non, centrarse na temática galega, co rural, o mar ou a emigración como protagonista.
O meigallo dos soños, de Juanjo Lamelas únese á lista de premiados nos que se inclúen, por orde cronolóxica, as obras Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans (A Coruña); De que falarán as árbores, de Ricardo Cid Paz (Ourense); Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda (Sevilla, pero natural de Allariz); Banda Sonora Orixinal, de Pablo Nogueira Campo (O Carballiño); Bica de Montouto, de Pepe Peinó (Lugo); Gumes entre a néboa, de Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo); A comuna de Valdonelle, de Carlos Neira Suárez (Ferrol); e Loucine, de Clara Martín (Ourense).
Colaboracións
O Concurso Balbino de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.
Autor
Juan José Lamelas Caneiro “Juanjo Lamelas” (Ourense, 1964)
Escritor e profesor, apaixonado da divulgación científica. Diplomado en Maxisterio, continuou os seus estudos para licenciarse en Ciencias Químicas e, posteriormente, doutorarse.
Ten participado en numerosos congresos e publicado traballos de investigación en prestixiosas revistas como o Journal of Chromatographic Science ou a revista Afinidad. Na actualidade dedícase á docencia no ensino público e traballa vinculado a proxectos de implantación e desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación aplicadas ao ensino.
Pouco a pouco, a súa afección á literatura foi converténdose nunha paixón da que naceron varias publicacións como novelas históricas, de intriga e ensaios de divulgación científica.