Claudia Castro presenta en Santiago o libro infantil “A fraga das avoas invisíbeis”
O Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, acolle este venres 15 de novembro, ás 20:00 h, a presentación do libro infantil A fraga das avoas invisíbeis, publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Claudia Castro e ilustrado por Yolanda López.
No acto, autora e ilustradora estarán acompañadas pola escritora Rosalía Morlán e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Así mesmo, contarase co acompañamento musical da pianista Isabel González.
O libro
A fraga das avoas invisíbeis aborda dende a perspectiva de conto infantil a difícil situación a que se enfrontan os cativos para comprender a realidade do cancro cando esta enfermidade toca á súa familia.
A protagonista, unha rapaza chamada Vero, cambia por completo a súa aparencia riseira pola tristeza ao descubrir que súa nai padece cancro. Os seus amigos, Carla e Nico, tratarán de animala pero será súa nai quen lle dea folgos coa historia da “Fraga das Avoas Invisíbeis”, un lugar marabilloso ao que viaxan as nais cando están enfermas e onde se atopan as avoas que xa non están connosco.
Unha historia para afrontar a dura realidade dunha enfermidade presente en moitas familias e que resulta moi complicada de comprender, especialmente para os cativos.
Colaboraron na publicación do libro
A publicación do libro “A fraga das avoas invisíbeis”, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da Secretaría xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
A autora
Claudia Castro, nada no barrio compostelán do Castiñeiriño é xornalista e filóloga. Dedícase dende nova á comunicación corporativa e dende 2011 reside co seu compañeiro e os seus fillos, Darío e Xulia, na aldea de Penelas (Teo). Boa parte do seu tempo transcorre en Corme, na Costa da Morte.
Entre outros recoñecementos literarios, obtivo o segundo premio do Certame de Poesía María Mariño ou o primeiro premio no Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro. En decembro de 2005 publica o seu primeiro poemario, Adagio para unha viaxe silente, da man da Editorial Follas Novas, e en 2018 ve a luz Ser, corazón e boca, con Editorial Medulia. En 2019 sae do prelo Galicia, o país das marabillas, primeiro libro de poesía para a cativada, ao que lle segue Amiga lúa, amigo mar. Moon, me & the sea en 2022, ambos os dous na Colección Árbore da Editorial Galaxia. O compositor Fernando Vázquez Arias compuxo música para varios poemas seus. Na actualidade coordina a Escola de Escrita Allegro.T.
A ilustradora
Yolanda López, nada en Ourense, é funcionaria de carreira na administración de xustiza, DEA en filoloxía inglesa, técnica superior en turismo, tradutora e poeta multipremiada. Adicouse ao ensino medio e universitario.
Formouse en pintura e debuxo na Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense e no Centro Dotacional Integrado de Arganzuela de Madrid.
Participou en exposicións individuais e colectivas en lugares emblemáticos como o Museo Euxenio Granell, a Sala Novais, o Café Milaromas ou o Café Macondo. Fundamentalmente é autodidacta. Ilustrou toda a súa obra, así como diversos libros en editoriais como Follas Novas, Alvarellos, Lastura, Urutau ou Nuevos Ekkos.
Participou en espectáculos de videopoesía, pintura, fotografía, música e danza. Especializouse en retrato realista. Este é o seu primeiro álbum infantil ilustrado.