publicidade hoxe

Aprobadas 15 novas axudas para os deportistas, técnicos e árbitros galegos e galegas que participan nos Xogos de París

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Tras as primeiras 20 axudas por importe de 147.000 euros resoltas o pasado 3 de xullo, a Fundación Deporte Galego vén de aprobar a segunda remesa de axudas para os deportistas, técnicos e árbitros galegos e galegas que participarán nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, composta nesta ocasión por quince axudas por importe de 117.000 euros.

Estas achegas enmárcanse dentro das ‘Axudas DGAN 2024’ que contan cun orzamento de 600.000 euros e, de novo, cun modelo de dúas convocatorias para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2023 e 2024. As ‘Axudas DGAN’ acadaron o seu máximo histórico con preto de 700.000 euros (680.940 euros) en 2023, ano no que xa se puxo en marcha a dobre convocatoria para axudare aos deportistas na súa preparación para os Xogos.

Nesta ocasión son quince novas axudas -catorce deportistas e un técnico- por importe de 117.000 euros, superando a segunda resolución dos Xogos de Toquío cun 50% máis de axudas e un 109% máis de orzamento. Na primeira resolución de principios de xullo xa se superaron as cifras da primeira resolución de Toquío nun 25% en axudas e nun 35% en orzamento.

Máis polo miúdo, Rodrigo Germade (piragüismo), Ana Peleteiro (atletismo) e Juan Atonio Saavedra (tiro paralímpico) recibien a Axuda Galicia-París 1 cun importe de 12.000 euros para os deportistas que participaran en catro ou máis edicións dos Xogos ou que acadaran medalla. Julia Benedetti (patinaxe), Antía Jácome (piragüismo), Manuel Lorenzo (baloncesto en cadeira de rodas) e Yulenmis Aguilar (atletismo), conseguen a Axuda Galicia-París 2 cun importe de 9.000 euros para os deportistas que participaran en tres ou menos edicións sen acadar medalla. Antía Chamosa (atletismo), Pablo Crespo (piragüismo), Carolina García (piragüismo), Diego Domínguez (piragüismo), Araceli Menduíña (piragüismo adaptado), Juan Ferrón (natación adaptada) e Manuel Ochoa (piragüismo) benefícianse da Axuda Galicia-París 3 cun importe de 6.000 euros para aqueles deportistas que non teñan participado en ningunha edición dos Xogos. Por último, Daniel Costa (piragüismo) recibe a Axuda TA principal París cun importe de 3.000 euros para os técnicos e adestradores principais nos Xogos.

Estes 15 novos nomes súmanse aos de Teri Portela (piragüismo), Carlos Arévalo (piragüismo) e Támara Echegoyen (vela) -Axuda Galicia-París 1-; Vicky Vilariño (baloncesto cadeira rodas), Martín de la Puente (tenis cadeira rodas), Jacobo Garrido (natación paralímpica), Fran Garrigós (judo), Caetano Horta (remo), Enmanuel Reyes (boxeo), Adrián Mosquera (piragüismo paralímpico) e Niko Sherazadishvili (judo) -Axuda Galicia-París 2-; Ester Navarrete (atletismo), Rodrigo Conde (remo), María de Valdés (natación) e Sara Ouzande (piragüismo) -Axuda Galicia-París 3-; Daniel Brage (piragüismo) e Marcos Fernández (vela) -Axuda TA principal París-; e Loreto Pérez (atletismo), Manuel Franco (tenis) e María Dolores Rojas (atletismo) -Axuda XA París- beneficiarios da primeira resolución.

Cómpre salientar que a Fundación Deporte Galego tamén concede as Axudas Galicia-París Apoio/Guía, que un ano máis é da mesma contía para os deportistas de apoio que a que reciben os deportistas con discapacidade aos que guían; así como as Axudas TA auxiliar París cun importe de 1.500 euros para persoas con funcións técnicas ou adestradoras auxiliares nos Xogos.

As ‘Axudas DGAN 2024’ para deportistas, técnicos e xuíces olímpicos e paralímpicos pódense solicitar ata o 30 de setembro.

1 de agosto de 2024 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.