Farándula Velutina representa “Animais de compañía” en Corcubión
O Centro Recreativo e Cultural de Corcubión (Casino) acolle este venres 10 de maio, ás 20:00 h, a representación de Animais de compañía, obra dirixida polo propio autor, Fernando Castro Paredes, no mesmo acto tamén se presentará o libro da citada obra publicado por Edicións Fervenza.
REPRESENTACIÓN
Na cita deste venres, a peza teatral será interpretada pola compañía de teatro Farándula Velutina, baixo a dirección do autor, Fernando Castro Paredes que tamén contou coa colaboración na dirección de Marina Gómez Pose. O elenco de actores e actrices estará formado por Elisa Lema Gómez, Cristina Martínez Rojas, Ariadna Castro Arasme, Vanessa Costa Pequeño, Andrea Rodríguez Trillo e Efrén Arteaga Vázquez.
PRESENTACIÓN DO LIBRO Animais de Compañía
O acto comezará cunha breve presentación do libro Animais de compañía, da man do propio autor e director, Fernando Castro, e polas actrices Elisa Lema Gómez e Vanessa Costa Pequeño que, a modo de entrevista, avanzarán sobre o contido da obra e a necesidade de mostrar a realidade da lacra da violencia de xénero.
O LIBRO
“Sabes en que se parecen unha muller e un can? En que os dous son animais de compañía.”
Así comeza esta obra. Marta, a protagonista desta peza, oíu moitas veces esta frase da boca do seu pai. Educada na violencia e na represión, afronta agora na idade adulta un matrimonio cun home que a minimiza ata anulala e mesmo recorre aos malos tratos para impoñer a súa autoridade.
A morte da mascota da familia xera unha profunda fenda na relación. Marta atrévese a enfrontarse ao seu home e sofre as consecuencias, pero acaba dando un paso decisivo cara a súa liberación.
Unha peza sobre a violencia de xénero, o amor aos animais e a liberdade individual.
COLABORARON NA PUBLICACIÓN DO LIBRO
A publicación do libro “Animais de compañía”, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e a Promotora e Construtora Bamarti.
O AUTOR
Fernando Castro Paredes nace en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975. É licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade exerce como profesor de ensino secundario no I.E.S. Fernando Blanco de Cee (A Coruña). Como dramaturgo, formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. É autor dos poemarios Caderno de don(i)celas, Coma se nada sucedese e Excrementos (todos eles accésits do Premio Francisco Añón de Poesía); do relato O espacio exterior (Premio de Narrativa Historias Na Universidade) e das pezas teatrais Pallaso (Premio Varela Buxán de Textos Teatrais), No ventre da balea (accésit do Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle), A derradeira bala (Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais), Ofelia ou o cabeiro da cóbrega (Premio Nova Dramaturxia Galega Actual), Murphy e Papiroflexia, entre outras, aparte de numerosas traducións, adaptacións e dramaturxias. Obtivo o premio Rafael Dieste con Amorodo agre e o Álvaro Cunqueiro co monólogo O traxe. Publicou as novelas Miss Antropía e Entomoloxía para misioneiros, que foi galardoada co premio Manuel García Barros.