A Xunta inviste 2 M€ no apoio á actividade de máis de 1.300 entidades deportivas
A Xunta apoia a actividade de máis de 1.300 entidades deportivas cun investimento de 2 millóns de euros executado a través da convocatoria de axudas para clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE) de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas subvencións e establece tamén os prazos para presentar as solicitudes e documentación xustificativa das dúas liñas que integra.
Trátase, por unha banda, de 1.309 clubs que se distribúen preto de 1,8 millóns de euros da primeira liña da convocatoria, con contías de ata 10.000 euros por entidade beneficiaria. Do total de clubs beneficiarios, 489 son da provincia da Coruña, 167 da de Lugo, 134 da de Ourense e 519 de Pontevedra.
A maiores, a través da segunda liña, sete NADE recibirán os 29.999 euros establecidos como achega máxima da liña dirixida a estes centros, dotada con case 210.000 euros. Os beneficiarios son B.K.C. Boxeo Kick Boxing Coruña, Club Halterofilia Coruña, Real Club Deportivo de La Coruña S.A.D, Natural Sport Videlgi de Ribeira, Club Fluvial de Lugo, Club de Loitas Olímpicas Vilalba e Club Kayak Tudense.
Os NADE responden á necesidade de abarcar e protexer as distintas realidades da preparación da alta dedicación deportiva existente na Comunidade Autónoma. Engloban o conxunto de medios humanos e materiais xestionados por unha entidade deportiva que teña por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo.
Anticipo do 80%
Co obxectivo de favorecer a actividade das entidades, nesta convocatoria introdúcese como novidade a posibilidade de pagos anticipados co 80% da subvención concedida. Deste xeito a Xunta facilítalles aos clubs o financiamento da actividade xa realizada en 2023 e aos NADE a do ano en curso. Ademais, a pronta resolución desta convocatoria permitiralles ás entidades beneficiarias reducir a súa incerteza financeira neste 2024.
Os clubs dispoñen do prazo dun mes a partir de mañá para a presentación da solicitudes e da documentación xustificativa. No caso dos NADE o prazo esténdese ata o 30 de novembro.