publicidade hoxe

A Xunta impulsa o torneo internacional Xacobeo de Ximnasia Rítmica como atractivo turístico deportivo

Presentación da competición deportiva

Presentación da competición deportiva

A Xunta de Galicia colabora coa celebración, esta fin de semana, do Xacobeo de Ximnasia Rítmica organizado polo Club Viravolta en Santiago de Compostela e que incluirá o II Torneo Internacional Viravolta-Jael e a III Gala Internacional coa participación de medio milleiro de deportistas de distintos lugares de España e do resto de Europa.

O director de Turismo, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación da iniciativa onde agradeceu á organización a posta en marcha deste torneo “que reunirá en Santiago un número importante de persoas que proceden de distintos lugares e que, ademais de gozar da competición deportiva, poderán coñecer e gozar tamén do destino Galicia”.

Neste sentido, recordou que o apoio da Xunta de Galicia a este encontro enmárcase no compromiso de apoiar propostas que consigan diversificar a oferta turística e sumar atractivos para dar a coñecer a comunidade en distintos públicos e mercados.

O Xacobeo de Ximnasia Rítmica inclúe a celebración o sábado e o domingo do II Torneo Internacional Viravolta-Jael no Multiusos Fontes do Sar que contará coa participación de 40 clubs e 350 participantes o sábado e un cento o domingo. Celebrarase competicións individuais femininas e masculinas, así como competicións de conxunto e de base.

Ademais, ximnastas de primeiro nivel de toda Europa participarán na Gala Internacional amadriñada pola olímpica española Carolina Rodríguez o sábado ás 17,30 horas.

13 de novembro de 2023 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.