publicidade hoxe

Lorenzana pon en valor o traballo conxunto de GKN Driveline e Aimen para que a automoción galega avance en tecnoloxías intelixentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o traballo conxunto que, co apoio da Xunta, veñen desenvolvendo GKN Driveline Vigo e Aimen para impulsar en Galicia a transformación tecnolóxica do sector da automoción e a mobilidade do futuro.

Lorenzana participou na presentación de resultados do proxecto 4.0driveline e da Unidade Mixta de Investigación F4ctorIA, orientados ao desenvolvemento de tecnoloxías intelixentes para a fabricación avanzada de compoñentes de automoción. Un traballo, dixo, que está permitindo a GKN Vigo —a maior fábrica de compoñentes de automoción de Galicia— converterse en líderes mundiais neste segmento.

No escenario actual “hai dous elementos clave: o talento e a innovación”, apostilou, para engadir que este proxecto “responde ao que debemos seguir facendo e ao que cremos na Xunta que hai que facer que é a colaboración constante e continuada pública e privada e, neste caso, cun centro de investigación”. “Estamos nun momento de transformacións, pero tamén de oportunidades —indicou—, e temos que ser capaces entre todos de achegar e, desde o Goberno, de escoitar á empresa e que o que se innova se transfira á empresa”, afirmou.

A Xunta colaborou cos proxectos de GKN Driveline e Aimen a través do programa de Unidades Mixtas de Investigación e o de Fábrica Intelixente, da Axencia Galega de Innovación, na procura de que o sector siga facendo avances no eido da fábrica intelixente e de ferramentas como a intelixencia artificial, que permiten optimizar os procesos de fabricación. De feito, entre ambos dos dous programas, a Administración autonómica leva investido no sector máis de 64 M€.

Segundo precisou, desde 2014 lévanse resolto 9 convocatorias de Unidades Mixtas de Investigación cunha mobilización de case 159 M€, a partir dun apoio público de 50 M€. En concreto, conformáronse 54 alianzas —19 no sector da automoción— nas que participaron 14 centros de coñecemento e 39 empresas con 872 profesionais vinculados.

Con respecto ao programa Fábrica Intelixente e Sustentable, ata o momento se realizaron 4 convocatorias entre 2016 e 2020 que mobilizaron 275 M€, e está aberta unha nova ata o 2 de outubro por importe de 24 M€. Lévanse apoiado 24 proxectos—entre eles, o de GKN Vigo e Aimen— dos que o 69 por cento corresponden a 8 iniciativas do sector da automoción que acaparan o 62 por cento das axudas.

Lorenzana concluíu facendo referencia á segunda convocatoria do Perte VEC anunciada polo Goberno, asegurando que Galicia segue agardando á publicación da segunda liña de axudas específica para o vehículo eléctrico en conectado, coa esperanza, dixo, de que se produza canto antes e que dea resposta ás necesidades de Stellantis.

11 de xullo de 2023 | 08:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.