A Xunta destaca o potencial de Galicia como referente na organización de eventos deportivos relacionados co salvamento e o socorrismo
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe a última das tres xornadas do XXXV Campionato de España de Verán de Salvamento e Socorrismo nas categorías xuvenil e júnior que se disputa esta semana na praia do Orzán da Coruña. A Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo fixo entrega ademais ao vicepresidente primeiro dun recoñecemento pola colaboración da Xunta na organización e apoio ao campionato.
Nesta proba acadouse récord participación con 500 socorristas, dos que máis a metade son mulleres. Diego Calvo destacou que ademais de que Galicia se convertese na capital nacional deste deporte nestes días, a comunidade é a que máis participantes achega nestas categorías con 132 participantes e 11 clubs.
Na praia do Orzán seguirá a competición nos próximos días co XXXV Campionato de España Absoluto de Verán na Coruña e cómpre lembrar que a semana pasada se celebrou o campionato nas categorías de infantil e cadete en Laxe. Polo tanto, a costa galega recibiu nas últimas semanas máis de 1.300 participantes que reforzan Galicia como sede de grandes eventos deportivos. O vicepresidente primeiro engadiu que, ao mesmo tempo, contribúese á promoción turística da comunidade e, en concreto, neste caso da comarca e provincia da Coruña, como destino turístico.
Cómpre lembrar que o pasado maio as piscinas de Caldas de Reis e a praia do Silgar de Sanxenxo xa acolleron o X Campionato de España Máster de Salvamento e Socorrismo. De feito, ao longo deste ano a comunidade galega é sede de ata seis campionatos de España.
Diego Calvo tamén foi entrevistado na RFESS media, a televisión multidispositivo do salvamento e socorrismo español, onde puxo en valor o salvamento e socorrismo non só como unha parte fundamental na atención ás emerxencias, sobre todo nesta época estival, senón tamén como unha modalidade deportiva. Nesta liña, sinalou que se trata dun deporte náutico máis no que Galicia tamén é referente, ao igual que noutros como o piragüismo, o remo, o tríatlon ou a vela.
Así, lembrou que as licenzas neste deporte xa se achegan ao milleiro e incidiu en que hai canteira e futuro nesta disciplina con figuras como Antía García, bicampioa de Europa e campioa do mundo e que xa conta cun récord mundial na proba de 100 metros remolque de maniquí con aletas, ademais doutros deportistas como Eva Feijoo, Gabriel Rodríguez ou Alejandro Chacón.