publicidade hoxe

“O meu amigo conto” pretende que os cativos pensen en algo máis que na lectura cando len

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCuntisLocal Portada
A-
A+

cartel presentación meu amigo conto cuntisO Hotel Balneario Termas de Cuntis acolle hoxe venres 28 de abril, ás 20:30 h, a presentación do libro “O meu amigo conto, da autoría de Fernando González Graña, que publica Edicións Fervenza.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, participarán o profesor e escritor Carlos Loureiro, o ilustrador do libro Xaquín Blanco, o autor da obra Fernando González Graña, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García e o alcalde do Concello de Cuntis, Manuel Campos.

Así mesmo contarase coa actuación musical de Marián Ramos, Fran Campos e Noa Baloira.

Nenos e nenas de Cuntis farán unha lectura do conto.

A OBRA

O meu amigo conto preséntase como unha oda ao libro de Fernando González Graña no que, a través dunha fermosa historia acompañada de coloridas ilustracións de Xaquín Blanco, os lectores descubrirán a vida detrás dos libros, a imaxinación e a maxia que agochan.

Neste libro infantil, cambian as tornas e son unha familia de libros os que narran as aventuras dun rapaz humano. A tradición oral desas historias que pasan de pais a fillos pero dende a mirada dun Conto Pai que, para que os seus pequechos se durman, rememora como foi escrito por ese cativo humano que decide recoller nese libro baleiro unha fermosa aventura pero… quen sabe se real ou imaxinaria!

VISIÓN DO AUTOR

“Este é un libro creado para que a imaxinación dos máis cativos voe e comprendan que cada obra é un tesouro cheo de maxia”

Que van atopar en O meu amigo conto os lectores? Que pretendes transmitir con esta historia?

O meu amigo conto, é un intento de transmitir que o mundo da cativada é moi distinto aos dos adultos. Mentres un neno teña imaxinación, pode pensar, ver e crer no que queira. A vida é máxica, se a deixamos agromar en nós. O mundo real non é só o que vemos na superficie da terra. Temos que ter interese en pensar en máis. En deixarnos levar por mundos de fantasía, ás veces máis reais ca os que temos diante de nós. Deixemos soñar aos nenos!

Os libros son os grandes protagonistas deste conto. Que tan importante é transmitir dende cativos a lectura? Cres que cada vez se le máis ou menos?

Penso que o libro debería formar parte da vida diaria dos nosos cativos e cativas. Este conto é, dalgún xeito, a escusa para que eles pensen en algo máis que na lectura. Que vaian ata os alicerces do libro. Que se pregunten algo máis que se o conto lles gusta. Que pensen no por que? En como nace esa historia. Ese conto. Ese libro.

Non creo que se lea menos. Só que se le máis por obrigación. Os nenos e nenas non teñen que ler por imperativo legal. Teñen que facerse cunha lectura que lles atraia. Que lles diga algo. Temos que sementar ben para recollermos bos froitos.

Cres que a cultura está suficientemente recoñecida? En que xénero atopas máis interese do lector?

Ás veces penso que estamos un pouco teledirixidos polos medios de comunicación e parece que se non lemos tal xénero ou un autor en concreto xa non estamos no mundo literario moderno. Pero, a literatura, como cada persoa, é moi diferente. Coido que non temos que deixarnos levar coma rabaños de ovellas. Estamos suficientemente cualificados para facermos as nosas valoracións e escollas. En canto ao xénero, penso que a narrativa e a novela está a ser o xénero máis de “masas”.

Para este libro volves a contar coa colaboración de Xaquín Blanco para as ilustracións. Que tanto aportan á historia os seus debuxos? 

Cando escribo, ademais da fada, teño sempre ao meu carón os debuxos de Xaquín. Chega un momento en que non son quen de disociar a miña escrita das súas ilustracións. Xaquín é esa parella de baile que un sempre quere ter. Sabes que se dás un paso mal, enseguida ben el para volver coller o ritmo. O meu amigo conto, sen as ilustracións de Xaquín… non sería gran cousa. 

Que intención se agocha nas túas creacións literarias?

Sempre intento transmitir emocións positivas e dar a entender o fermoso da vida, e a convivencia en paz. E que, ademais doutras linguas, o galego, é o noso idioma. O noso xeito de pensar e vivir. A nosa identidade como pobo. 

Que é máis difícil chegar ao público infantil ou ao adulto?

Non o sei. A min gústame máis escribir para o público infantil. Non sei se consigo chegar ou non a eles. Porén, cando pola rúa, algunha nai ou pai se detén ao meu carón e lle di ao seu fillo ou filla: “Ves, este é Fernando, o que escribiu o libro que lemos polas noites cando imos para a cama, Zapatos Máxicos”. Deus! Estoupo de felicidade!

Con ducias de publicacións no teu haber, cal é ese sinal de identidade que marca as túas obras, independentemente do xénero e do público?

Penso que a simplicidade dos textos. O vocabulario axeitado á rapazada. Non trato nunca de buscar grandes palabras. Coido que, ás veces, as máis pequenas e simples, poden chegar máis aos adentros. Tento sempre de facerme lexible entendible. Sen reviravoltas.

Seguen quedando creacións inéditas? Cal é o próximo proxecto que xa ronda a túa cabeza?

No andel dos esquecementos fican varadas algunhas historias agardando poñerse en marcha. Poesía, teatro, narrativa… Estou a preparar con moita ilusión un poemario infantil, logo da gran satisfacción de Zapatos Máxicos.

COLABORACIÓNS

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da empresa Ausama, o balneario Termas de Cuntis, o Concello de Cuntis e a secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O AUTOR

Fernando González Graña (Cuntis, 1962) é membro fundador da Asociación Cultural O Meigallo, asociación que recuperou a figura do ilustre galeguista, Roberto Blanco Torres. Formou parte do consello de redacción da revista “A Taboada”.

En narrativa ten publicado O diario de Daniel (Edicións Fervenza, 2001) e O móbil do crime (Edicións Fervenza, 2015). En autoedición publicou O misterio do faiado (2012).

En canto ao relato curto, conta con varios premios entre os que destacan o 3º premio do I Certame de Narracións Curtas Concello de Curtis (2004); finalista na segunda edición deste mesmo certame (2005); accésit no I Certame de Relato Curto “Asociación o Arrieiro” de Moraña (2004) e primeiro premio na segunda edición do mesmo concurso literario (2005).

Como dramaturgo é autor das obras Clave rosa (2003), Sálvese quen poida (2004), Eclipse (2006), Cousiñas do mar e do río (2006), O partido de fútbol do século (2008), Reciclaxe (2010), O máxico e tolo camiño a Compostela (2010), Ghuasá (2017) e Matanza Clandestina (2020), todas elas en Edicións Fervenza.

No que respecta á poesía, participou en varios libros colectivos, como o editado pola “Fundación A Solaina” de Piloño (2003); en Dairas do IES García Barros da Estrada (2011); Verbo na arria (2017) en homenaxe a Xoán Xesús González. Tamén resultou gañador do concurso “Cartas de Amor” de Radio Estrada (2007) e no certame poético “Dez Palabras” do Concello de Cuntis (2012). No ano 2019 publica con Edicións Fervenza o poemario infantil Zapatos máxicos.

 

28 de abril de 2023 | 09:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.