publicidade hoxe

A Coruña converterase no epicentro do karate mundial grazas á Youth League que chega por vez primeira a España con preto de 3.000 deportistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaDeportesDeportes PortadaLocal Portada
A-
A+
Presentación da segunda proba do circuíto da Youth League

Presentación da segunda proba do circuíto da Youth League

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación da segunda proba do circuíto da Youth League que terá lugar na Coruña do 27 ao 30 de abril e que suporá a primeira proba internacional de karate que se celebre en Galicia así como a primeira vez na historia que se celebra en España unha competición mundial de karate de categorías inferiores.

Nas súas verbas, Lete Lasa destacou o gran nivel organizativo e de base que conta o karate en Galicia. Neste sentido lembrou a celebración no pasado mes de xaneiro do LIV Campionato de España Absoluto de Karate e do X de Para-Karate, no que Paola García asombrou ao mundo como a campioa de España máis nova, con só 16 anos. Segundo o mandatario galego, da Youth League de Coruña, sairán “outros grandes nomes que alumearán o futuro do karate mundial”.

Lete Lasa destacou a trintena de galegos que competirán na Youth League e, nomeadamente, os cinco integrantes galegos da selección española como Simón Cancelo, Lucía Guerrero, Martina Soto, Alba Rocha ou Eva Rodríguez Loredo, quen acadou unha medala de bronce na Youth League de Venecia en 2022.

O responsable do Deporte galego destacou a aposta da Xunta polo karate galego que neste momento conta con máis de 3.000 licenzas federativas, 2.000 nenos e nenas co seguro do Programa Xogade, dez karatekas galegos de alto nivel e catro formándose no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

A competición, que conta co apoio da Xunta de Galicia e na que competirán os mellores karatekas do mundo nas categorías xuvenil, cadete, júnior e sub-21, reunirá a 3.300 persoas entre deportistas, adestradores, árbitros e staff. A Coruña será a segunda etapa da Youth League tras o seu paso por Fujairah (Emiratos Árabes Unidos) para logo dirixirse a Acapulco (México), Porec (Croacia) e Venecia (Italia).

26 de abril de 2023 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.