publicidade hoxe

Rueda garante que a nova Lei do litoral de Galicia compatibilizará a protección do medio ambiente e da vida social e económica da costa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaLugoPontevedraPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na inauguración da xornada sobre esta normativa

O presidente galego na inauguración da xornada sobre esta normativa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu hoxe que a nova Lei do litoral de Galicia compatibilizará a protección do medio ambiente e da vida social e económica da costa. “É perfectamente compatible e moi necesario que coexistan o ecosistema mariño coa vida dos mariñeiros, industrias e empresas”, aseverou durante a inauguración dunha xornada na Coruña para dar a coñecer esta normativa, da que salientou que é froito dun traballo “serio e rigoroso” e baseada nun “perfecto respecto” ao marco legal estatal na que está inxerida.

Rueda confirmou que o Goberno galego mantén o obxectivo de que a lei sexa aprobada polo Consello da xunta “ao final deste primeiro semestre” e destacou o feito de que, grazas a esta norma, “Galicia vai ser a primeira comunidade en regular a súa franxa costeira”. Precisamente, fixo fincapé en que é a comunidade con máis quilómetros de costa de toda España -2.800 km-; na que se localizan 82 dos 313 concellos galegos; e con máis de 1, 5 millóns de galegos e galegos vivindo no litoral.

Rueda incidiu en que esta normativa vai permitir que Galicia exerza o autogoberno no seu litoral, unha competencia recoñecida no Estatuto de Autonomía e avalada polo Consello Consultivo de Galicia. E ademais, explicou, que é “inescusable o seu cumprimento” para defender e protexer as 4.000 edificacións “con nomes e apelidos” que están en risco, entre as que citou vivendas, estaleiros, empresas ou centros educativos.

“A vida de Galicia está en gran parte no litoral e desde Galicia temos o dereito e o deber de ordenalo respectando todas as normas. É a nosa obriga e imos facelo”, aseverou o titular do Goberno galego, quen subliñou que esta nova lei é “exemplo de responsabilidade, diálogo e coñecemento”. Por iso, lembrou que tivo en conta as aportacións de expertos, concellos, asociacións e entidades de toda a comunidade.

Medidas recollidas na futura lei

Rueda explicou que, entre as actuacións que vai levar a cabo a nova normativa, está dividir o litoral en zonas -segundo o seu nivel de conservación- e limitar os usos e obxectivos en cada caso; determinar por lei as actividades estratéxicas para o noso litoral para blindar que poidan desenvolverse de forma sustentable (establecementos da cadea mar-industria alimentaria, establecementos de turismo ou o patrimonio cultural litoral) e establecer unha planificación coherente para coordinar todas as actividades que sustentan o litoral galego.

Por iso, considerou que o Goberno central debera estar “igual de interesado” ca Xunta en cumprir estes obxectivos e insistiu -para rematar a súa intervención- en que a nova lei “non vai contra ninguén”. Por este motivo, amosouse confiando en que se resolverán os “atrancos que sabemos que imos ter” polo “rigor” e os “argumentos suficientes” cos que conta o Executivo galego para a levar adiante.

Xornada con expertos e representantes doutras comunidades

A esta xornada da Coruña asisten preto de 250 convidados entre ponentes, membros do Goberno galego, autoridades de diferentes estamentos, representantes doutras comunidades autónomas e dos concellos costeiros galegos, así como expertos, catedráticos e profesionais de eidos directamente relacionados ou con interese na xestión do litoral.

Ao longo da xornada está prevista a intervención dun total de 19 persoas. En concreto e tras a inauguración por parte de Alfonso Rueda, a primeira conferencia correu a cargo de Juan José González, ex presidente do Tribunal Constitucional. A sesión matutina continuou con varias mesas redondas nas que participaron, entre outros, os catedráticos de Dereito Administrativo e membros do Observatorio do Litoral, Juan José Sanz Larruga e Marta García, moi implicados nos traballos de redacción do anteproxecto.

Xa pola tarde está previsto que o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid e un dos pais da Lei de costas estatal de 1988, Ángel Menéndez, imparta a conferencia de clausura. Finalmente e para despedir a xornada intervirá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

10 de marzo de 2023 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.