Nova liña de autobús entre O Morrazo e os hospitais de Vigo
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe unha nova liña de autobús a primeira hora da mañá para mellorar o servizo aos veciños da comarca do Morrazo cara aos hospitais de Vigo, con volta ao comezo da tarde.
Na súa intervención hoxe no Parlamento, Vázquez Mourelle puxo en valor o labor de escoita e valoración continua da Xunta das achegas que trasladan viaxeiros, colectivos ou concellos no obxectivo de mellorar o servizo de transporte público autonómico, no que traballa de forma constante para garantir a mellora adaptación ás circunstancias e ás necesidades dos usuarios.
A conselleira explicou que o departamento que dirixe porá en marcha un novo servizo entre O Morrazo e os hospitais de Vigo, tratando de atender as demandas trasladadas, aínda que diverxentes, polos concellos de Cangas e de Moaña.
Así, habilitarase unha liña de luns a venres ás 06,40 horas da mañá con percorrido Cangas- Moaña-rúa Pizarro, e outra que fará o percorrido Cangas-Moaña-Meixoeiro-Álvaro Cunqueiro.
Tal e como concretou Ethel Vázquez, esta nova liña de autobús Morrazo-hospitais, que era especialmente demandada polos traballadores sanitarios, terá unha expedición de volta ás 15,15 horas, que é tamén unha das que maior demanda ten entre os usuarios, apuntou.
Ethel Vázquez referiu a ampla oferta de autobuses da Xunta que unen o Morrazo con Vigo: 8 liñas, 54 servizos diarios, de luns a venres, desde as 5 da mañá ata ás 10 da noite; 6 liñas conectan cos hospitais, 13 servizos diarios, desde as 06,40 horas da mañá á última da tarde; e 15 servizos de volta, desde a 08,10 horas ás 22,15 horas. As fins de semana, hai 16 servizos diarios de ida e volta os sábados e 14 os domingos, tamén nunha ampla franxa horaria.
Lemboru que na comarca do Morrazo, como no resto do territorio, a Xunta aplica os principios nos que se sustenta o Plan de transporte público de Galicia: prestar un servizo eficaz, competitivo e adaptado ás necesidades dos viaxeiros.
Subliñou os datos positivos de usuarios nos autobuses interurbanos no Morrazo, que se reflicte nas cifras acadadas: desde despois de verán, o número de viaxeiros das conexións entre O Morrazo e Vigo incrementouse nun 30%, fronte á suba media do 20% que se rexistrou no conxunto de Galicia. Concretou que os viaxeiros con orixe e destino Moaña experimentaron un incremento do 41%, comparando os datos de febreiro de 2023 cos do ano anterior.
A conselleira salientou que nos autobuses interurbanos de competencia da Xunta hai hoxe máis viaxeiros, un aumento, dixo, que non pode achacarse só as bonificacións extraordinarias que se están a aplicar. De feito, incidiu, desde a entrada en vigor do Plan de transporte público de Galicia, os traballadores dos hospitais de Vigo deixaron de recorrer a un servizo de autobús privado para acudir ao traballo, o que proba que os servizos que está a prestar a Xunta atenden de xeito axeitado a demanda.
Ethel Vázquez referiuse, ademais, ao peso que ten o transporte da ría no Morrazo, contabilizándose o ano pasado no transporte marítimo que comunica Cangas e Moaña con Vigo 1,11 millóns de viaxes, fronte ás preto de 116.000 que sumaron os autobuses interurbanos. A conselleira abundou na predominancia do uso do barco nos desprazamentos desde o Morrazo cara a Vigo, como así o demostra o dato de que case o 80% das viaxes contabilizadas desde Cangas á cidade se fagan no transporte de ría.
A conselleira lembrou que o transporte de ría tamén se beneficia da bonificación extraordinaria do 50%, que a Xunta aplica sobre as tarifas dos bonos multiviaxe ao facer uso das tarxetas de Mobilidade de Galicia.
Referiuse tamén ás vantaxes da tarxeta Xente Nova da Xunta, coa que os menores de 21 anos viaxan de balde no transporte público autonómico e da que dispoñen 2.130 mozos de Moaña e 3.099 de Cangas.
Ethel Vázquez tamén lamentou que a negativa do Concello de Vigo a integrarse no transporte metropolitano estea a impedirlle aos usuarios maiores descontos, como o transbordo gratuíto ao autobús urbano.