Lete destaca o gran nivel do taekwondo galego como mostran, entre moitos outros, os excelentes resultados do deportista do CGTD, Iván García
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo no día de hoxe unha xuntanza co taekwondista galego, Iván García, que ocupa unha praza de residente externo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, acompañado polo presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz.
O mandatario galego subliñou o gran traballo que está a facer o taekwondo galego que vén de acadar o recoñecemento do seu Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado, NADE, na figura do Club Natural Sport Videlgi de Ribeira. Neste sentido destacou os resultados de deportistas de primeiro nivel como Arlet Ortiz, Sara Cortegoso ou Tania Castiñeira, ademais doutros novos valores que están a irromper no panorama internacional como Helena García, Noa Romero ou Javier Otero. Lete Lasa salientou a figura de Iván García como un dos taekwondistas galegos máis laureados e confiou na súa participación nos Xogos de París 2024, xa que o seu palmarés amosa importantes logros como as dúas medallas de prata conseguidas en 2022 no Campionato de Europa de Manchester, así como no Campionato do Mundo de Guadalaxara (México) na categoría de +87 kilos.
Ademais de formarse no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Iván García é deportista galego de alto nivel, recibindo axudas DGAN desde 2018 por importe de 8.550 euros, sendo a última delas, recibida en 2022, a máis cuantiosa, de 4.000 euros.
Marco Díaz
Na mañá de hoxe, o secretario xeral para o Deporte reuniuse tamén co piloto de motociclismo de velocidade Marco Díaz, acompañado do seu equipo e que tras unha xeira de importantes resultados tanto no panorama galego, nacional ou mesmo internacional competindo no nacional portugués de STK600, este ano correrá o Campionato Júnior na categoría de Moto 2 da man do equipo SAG Racing Teamy e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia por importe de 5.000 euros.
Lete Lasa aproveitou para destacar o nivel do motociclismo galego como demostra a actual clasificación da máxima competición do motocrós mundial, a MXGP, na que Jorge Prado e Rubén Fernández ocupan os dous primeiros postos.