publicidade hoxe

A Oficina Técnica da Seca constata un leve incremento dos caudais dos ríos, que continúan un 32% máis baixos que a media da última década

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+
Xuntanza da Oficina Técnica da Seca

Xuntanza da Oficina Técnica da Seca

A Oficina Técnica da Seca constatou un leve incremento dos caudais dos ríos, que seguen un 32% máis baixos que a media da última década.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, na que tamén participaron a directora e o xerente de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e Gonzalo Mosqueira, respectivamente. Ademais na Oficina Técnica da Seca participan tamén representantes de Protección Civil, Meteogalicia e da Consellería do Medio Rural.

Na reunión constatouse que os caudais non están aínda estabilizados, a pesar da pequena melloría rexistrada con respecto ao último encontro celebrado o pasado 22 de agosto, cando os caudais estaban un 34% por debaixo da media da serie histórica.

No que se refire aos encoros, o nivel nos últimos quince días seguiu descendendo, a pesar das chuvias rexistradas. Así, a día 5 de setembro, os encoros de abastecemento da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa rexistraban unha ocupación do 65,8%.

En relación á situación meteorolóxica, o mes de agosto resultou seco e as previsións para este mes apuntan á posibilidade de choivas, pero cómpre ser prudentes e seguir coas medidas de aforro mentres os caudais dos ríos e as reservas dos encoros non estean estabilizadas.

Na xuntanza avaliáronse de forma detallada os sistemas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, observando unha leve melloría na zona da Mariña luguesa, se ben non é suficiente como para que se cumpran os parámetros para que poida saír da situación de seca prolongada na que se atopa.

A Oficina Técnica da Seca tamén constatou que nos últimos quince días o encoro de Cecebre experimentou un importante descenso no volume de auga encorada, pois está ao 54%, cando o 22 de agosto a súa ocupación era do 64%, cun descenso de 10 puntos en 15 días.

Neste sentido, seguindo os criterios recollidos no Plan de Seca, a situación fai necesario activar a prealerta por escaseza no sistema do río Mero, Arteixo e ría da Coruña. En todo caso, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade explicou, que non é unha situación que preocupe especialmente, tendo en conta que o abastecemento nesta área estaría garantido pola auga almacenada no lago da antiga mina de Meirama.

Sinalou que ese lago ten un volume de 150 hm³, unha reserva moi importante tendo en conta que o encoro de Cecebre é de 20 hm³. Así, de ser necesario, esta reserva de Meirama podería garantir o abastecemento a toda esa zona simplemente acometendo actuacións menores.

A Oficina Técnica da Seca tamén acordou manter a situación de prealerta por escaseza nos sistemas do río Lérez e ría de Pontevedra; no sistema do río Tambre e ría de Muros e Noia; na bacía do río Grande e dos ríos que acadan a ría de Camariñas e a costa de Cabana, Laxe e Muxía; e na conca do río Anllóns.

Ademais continúan os valores de prealerta por escaseza nos subsistemas de Zamáns e Baiona, que abastecen aos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar, ademais dunha pequena parte do concello de Vigo.

Estes concellos, como responsables dos sistemas de abastecemento, deben continuar coas medidas de aforro e contención do consumo, ao igual que no resto de sistemas en prealerta.

Consumo responsable da auga

Na reunión de hoxe concluíuse que a pesar do leve incremento nos caudais dos ríos, as reservas dos encoros seguen baixando, polo que, mentres non se estabilice a situación coa chegada de máis chuvias deben seguir as medidas de aforro da auga como ata o de agora.

Ante esta situación, a Xunta reitera o chamamento á contención do consumo e á utilización responsable da auga, evitando usos innecesarios para garantir o abastecemento e o mantemento do caudal ecolóxico dos ríos.

Cómpre que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos da auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.

Este contexto require da suma de esforzos de todos, é dicir, das administracións, das empresas e dos cidadáns, que deben contribuír cun consumo responsable de auga e adoptando hábitos como a restrición de regas, evitar o lavado innecesario dos coches, limitar o enchido das piscinas ou reutilizar a auga sempre que sexa posible.

9 de setembro de 2022 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.