publicidade hoxe

Lorenzana pon en valor o concurso de ideas Crea Economía Social co que Xunta, universidade e tecido empresarial impulsan o emprendemento innovador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe en Pontevedra a importancia de apoiar iniciativas que impulsen o emprendemento innovador, como é o caso do concurso de ideas Crea Economía Social que, por segundo ano consecutivo, puxeron en marcha a Universidade de Vigo, Aje Pontevedra e a Xunta de Galicia, a través da Rede Eusumo, para impulsar non só a posta en marcha de novos proxectos empresariais, senón tamén apostar por unha economía baseada no benestar da poboación e a sustentabilidade do territorio.

Lorenzana sinalou a importancia de apoiar ás persoas emprendedoras axudándoas a identificar ideas innovadoras e novidosas que se transformen en proxectos empresariais. Neste senso, lembrou a rede autonómica de emprendemento coa que a Xunta pon a disposición dos emprendedores diferentes recursos e axudas para que as persoas que decidan emprender, tamén a través de fórmulas de economía social, teñan a oportunidade de levar a cabo os seus proxectos “con todas as garantías”, subliñou.

Sobre a economía social, destacou as súas vantaxes por ser “unha fórmula solidaria, comprometida co emprego estable, inclusivo e de calidade que antepón os beneficios sociais e colectivos e que ten sempre presente a igualdade”, apuntou. Así, indicou que a Xunta apoia este modelo de negocio ao que destina este ano 35 millóns de euros, para desenvolver diferentes accións como os bonos Es-Transforma e Consolida, unhas axudas que aínda se poden solicitar, ata o próximo 30 de setembro, e que están dirixidas a impulsar a recuperación e a transformación de negocios en crise ou sen remuda xeracional, entre outros, e a apoiar a transformación dixital e a mellora da eficiencia enerxética para favorecer, deste xeito, a mellora da competitividade dos proxectos de economía social. Os bonos, para iso, están dotados cada un deles con 1,5 millóns de euros.

A conselleira tamén referiuse ao programa Aprol Economía Social, cun investimento de 3,8 millóns de euros, para apoiar a aquelas entidades de economía social que desexen incorporar a persoas desempregadas ou ocupadas ao seu cadro de persoal. Estas axudas tamén poden solicitarse ata o 30 de setembro.

A Xunta, ademais, para definir un selo de identidade na economía social galega conta co programa Es-Próxima e coa Rede Eusumo coa que se acompaña ás entidades que apostan pola economía social. A Administración autonómica, así mesmo, está a traballar no programa de aceleradoras de emprendemento Es-Factory co que se pretende orientar e acompañar a persoas promotoras de proxectos empresariais da economía social.

Para rematar, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade destacou que Galicia é un “entorno próspero no que ten cabida unha economía social máis extensa e enriquecedora” e lembrou que Pontevedra é a segunda provincia galega con maior número de empresas de economía social, cun 35,5%, segundo o primeiro estudo sobre o impacto socioeconómico de economía social en Galicia elaborado polo Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal).

Os premiados

Na edición 2022 do concurso de ideas Crea Economía Social resultaron galardoados os proxectos Reutilización creativa (upcycling) co premio á mellor idea de negocio en artes, comunicación e creatividade; Investigación e apoio con animais de compañía a nenos e nenas en educación infantil con necesidades especiais gañou o premio á mellor idea de negocio en educación, innovación social e xestión pública; e GymGaming foi o proxecto premiado na categoría de deporte, saúde e benestar. Pola súa banda, Bee & Cow acadou o accésit nesta modalidade.

Así mesmo, resultaron premiados os proxectos Pontevedra Mobility Hub na categoría mellor idea de negocio en medio ambiente e natureza e H2GZ Pontealbar Trazo cun accésit na mesma modalidade.

19 de xullo de 2022 | 14:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.