publicidade hoxe

A Xunta pon en valor o nivel do fútbol sala feminino en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu esta mañá ás xogadoras galegas da selección española de fútbol sala ás que felicitou por acadar a Eurocopa feminina tras vencer a Portugal o pasado 3 de xullo.

No encontro, ao que tamén asistiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol e tamén responsable de fútbol sala, Pablo Prieto, o vicepresidente segundo da Xunta destacou a contribución de Galicia ao éxito do fútbol sala español en Europa con catro xogadoras e o adestrador físico.

En concreto, a porteira e unha das capitanas da selección española, Silvia Aguete, que xoga no Marín Futsal e Alejandra de Paz, outra das campioas de Europa galegas que vén de fichar tamén polo Marín Futsal, ademais de Lucía Gómez do Poio Pescamar F.S., Jennifer Lores do Ourense Envialia F.S.F. e o adestrador físico Adrián Paz.

A Xunta incide ademais na importancia de Galicia no fútbol sala feminino con equipos como o Sal Lence hai 40 anos ou agora o Pescados Rubén Burela F.S., este último catalogado nas dúas últimas entregas dos Futsal Planet Awards como o mellor equipo de fútbol sala feminino do mundo e galardoado este ano cunha das Medallas Castelao.

No marco do compromiso con este deporte, o Goberno galego tamén colaborou no congreso Camiño do Futsal organizado pola Real Federación Española de Fútbol e a Real Federación Galega de Fútbol que reuniu a comezos deste mes na Cidade da Cultura a adestradores, seleccionadores, preparadores físicos, directores deportivos, exxogadores, árbitros e psicólogos deportivos do máis alto nivel nacional e internacional.

15 de xullo de 2022 | 13:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.