A Xunta destaca o papel do Abanca Pantín Classic Galicia Pro para afianzar á comunidade como capital internacional do surf e destino ideal de turismo deportivo
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde na praia de Pantín de Valdoviño na entrega de premios da 35ª edición do Abanca Pantin Classic Galicia Pro 2022, unha das probas de surf máis importantes do calendario internacional que reuniu esta semana na costa galega aos mellores surfistas do mundo cun total de 150 participantes.
Diego Calvo destacou o carácter inclusivo desta proba que puntúa para o circuíto mundial da World Surf League (WSL) ao contar un ano máis co campionato de surf adaptado. Durante a entrega de trofeos, tamén incidiu en que nesta semana na que o surf foi protagonista, a competición contribuíu a promocionar Galicia como destino de turismo deportivo de primeiro nivel e a afianzar a comunidade galega e, en particular o concello de Valdoviño, como capital internacional deste deporte.
Neste sentido, o apoio da Xunta a este tipo de eventos de gran impacto permiten seguir situando a Galicia como referente do turismo deportivo e, ao mesmo tempo, avanzar no desenvolvemento dun modelo turístico sostible, diversificado e de calidade.
No que se refire ao ámbito deportivo, resaltou a importancia dos principais eventos de surf que se celebran en Galicia como este Pantin Classic, o Junior Pro Ferrol ou o Campionato de España de Surfing, os tres na comarca de Ferrolterra.
Ademais, puxo en valor o bo papel dos deportistas galegos de surf nesta edición da proba, o que consolida -indicou- a hexemonía do surf galego en campionatos nacionais e internacionais grazas a figuras xa consagradas e a novos talentos que levan acadado grandes resultados nos últimos anos seguindo o camiño de pioneiros como Gony Zubizarreta ou Vicente Romero. Por iso, resaltou o apoio da Xunta ao deporte e os deportistas galegos desde ás categorías de base á competición.