publicidade hoxe

Galicia e Andalucía exploran vías de cooperación para impulsar a actividade industrial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exterior
A-
A+

A nova secretaria xeral de Industria, Paula Uría, mantivo esta tarde unha reunión de traballo co secretario general de Industria y Minas da Junta de Andalucía, Cristóbal Sánchez Morales, na que puxeron en común as distintas medidas que se están a promover desde ambas as dúas comunidades para impulsar a actividade industrial.

Os dous responsables autonómicos coincidiron no papel fundamental que os fondos europeos van desempeñar á hora de promover unha transformación da industria baseada, sobre todo, na dixitalización e na sustentabilidade, polo que concluíron que é necesaria unha xestión áxil e uns criterios transparentes e obxectivos que permitan aproveitar esta oportunidade.

Neste sentido, acordaron explorar liñas de cooperación entre ambas as dúas administracións que permitan a busca de instrumentos para lograr un maior aproveitamento e acceso aos fondos europeos, así como unha mellora da competitividade industrial. Neste sentido, Uría trasladou tanto o traballo que Galicia leva realizando para obter unha candidatura sólida e solvente de cara a obter fondos Next Generation, así como as ferramentas que se poñen ao dispor do tecido empresarial para facilitar a tramitación. En concreto, referiuse á Lei de simplificación administrativa.

Por outra banda, na reunión tamén se tratou o papel determinante que, no contexto actual, teñen materias primas como os minerais. Así, Paula Uría tivo a oportunidade de explicar os avances que se están realizando na Comunidade para poñer en marcha a Axenda de impulso da minaría sostible de Galicia.

14 de xuño de 2022 | 12:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.