publicidade hoxe

A Xunta pon a disposición do tecido empresarial galego unha nova ferramenta informática para intercambiar datos e axustar a oferta á demanda de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Vilagarcía de Arousa unha xuntanza co presidente da Federación Comarcal de Empresarios de Arousa (Feca), José Luis Vilanova, para abordar, entre outros asuntos, as políticas de competencia autonómica que desenvolve o Goberno galego para impulsar o labor dos autónomos e das pemes en Galicia e para informar sobre a nova ferramenta informática que está a deseñar o Goberno galego para o Servizo Público de Emprego e que está a poñer a disposición do tecido empresarial para intercambiar datos e información e, deste xeito, axustar a oferta á demanda de emprego.

En palabras de Lorenzana, é importante que se adhiran a esta iniciativa o maior número de federacións e asociacións de empresarios de Galicia para poder mellorar a orientación e a colocación das traballadores e traballadores. A titular de Promoción do Emprego e Igualdade apelou, así, á colaboración público-privada para poder dar solución á falta de man de obra que existe na actualidade nalgúns sectores de actividade.

Lorenzana, quen puxo en valor o traballo de información e asesoramento que desenvolve desde hai máis de 30 anos a Federación Comarcal de Empresarios de Arousa, destacou, así mesmo, os programas que ten en marcha a Xunta para apoiar ás autónomas e autónomos galegos e ás pemes para seguir impulsando na comarca arousá o emprego e a formación do persoal traballador.

Neste senso, indicou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a destinar neste 2022 máis de 37 millóns de euros en axudas para os traballadores por conta propia, das que nestes intres están activas as liñas de apoios á promoción do emprego autónomo (12,5M€); á contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador (1,35M€); á posta en marcha de pequenas empresas de nova creación ou iniciativas de emprego cualificadas de base tecnolóxica (2M€); o Bono Concilia (1M€); ou as axudas para garantir o funcionamento das entidades asociativas do sector, dotadas con máis de 320.000 euros.

A conselleira, así mesmo, informou que hoxe remata o prazo de solicitude para as axudas dedicadas a financiar as unidades formativas nas empresas, que conta con 14 millóns de euros nesta convocatoria, 3,5 millóns máis que na anterior edición.

Axenda de Capacidades

No eido da formación para o emprego, Lorenzana sinalou tamén que a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que está a ultimar a Xunta, conectará as necesidades formativas do mercado laboral galego coas oportunidades de traballo para aproveitar o talento de Galicia. Segundo explicou Lorenzana, o pasado mes de maio rematou a avaliación da oferta formativa para detectar o grao de cobertura e posibles carencias para actualizar, deste xeito, o que resulte preciso e crear novos módulos e contidos formativos que se mostren útiles e con perspectiva de futuro.

Na actualidade, estanse a avaliar as conclusións recompiladas do estudo que se obtiveron, segundo remarcou a conselleira, grazas á colaboración dos axentes sociolaborais implicados, entre os que se atopan as principais asociacións e representantes empresariais dos distintos sectores da comunidade autónoma. “Son colectivos con gran coñecemento e ampla experiencia que exercen de intermediarias co noso tecido produtivo como é o caso da Federación Comarcal de Empresarios de Arousa”, apuntou.

Para rematar, Lorenzana sinalou que o diálogo fluído co tecido empresarial e un enfoque de maior proximidade nos programas de axudas están a permitir un impulso ao emprego e á formación na comarca arousá. Ao respecto, lembrou que o número de desempregados na comarca arousá é a cifra máis baixa acadada nun mes de maio nos últimos quince anos.

20 de xuño de 2022 | 15:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.