publicidade hoxe

A Xunta impulsa 25 iniciativas laborais na bisbarra do Deza para a búsqueda de emprego de máis de 500 persoas cun investimento de 2,6 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLalínLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Visita realizada ao PIE da Asociación de Empresarios de Deza

Visita realizada ao PIE da Asociación de Empresarios de Deza

A Xunta de Galicia está a impulsar na actualidade máis de 25 iniciativas laborais na bisbarra do Deza para a búsqueda de emprego, ben a través da formación e a inserción, ben a través do apoio ao emprendemento, para máis de 500 persoas grazas a un investimento de 2,6 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou de todas estas actividades nunha visita realizada esta mañá ao Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación de Empresarios de Deza (AED) xunto ao novo presidente, David Campos, ao que felicitou pola súa recente elección, ao alcalde de Lalín, José Crespo, e a outros representantes municipais.

“A AED é un exemplo de traballo moi ben feito, algo que sabemos todos na bisbarra do Deza, a prol do desenvolvemento, do crecemento das empresas e da xeración de emprego e por iso conta cun decidido apoio da Xunta, como se pode ver con este programa integrado que xa está a celebrar a súa cuarta edición, xa que todas as súas accións xeran riqueza e moitos postos de traballo”, manifestou o representante autonómico.

O PIE da patronal dezá arrancou a finais do pasado ano coa participación dun cento de persoas desempregadas, con especial fincapé en colectivos como o de mulleres, parados de longa duración ou maiores de 45 anos, e vaise desenvolver durante doce meses ata finais de ano cun investimento de 250.000 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Este proxecto está orientado exclusivamente á inserción laboral destas persoas e para elo desenvolve cursos de formación que melloran as aptitudes dos desempregados, pero tamén outras ferramentas, como itinerarios laborais, fomento das habilidades profesionais, elaboración de currículos e preparación de entrevistas ou medidas de especialización, entre outras.

Na visita de hoxe, Luis López, xunto a David Campos e José Crespo, saudou aos participantes dos cursos de inglés comercial e selección de persoal, que son os dous que se celebran na actualidade no marco do cronograma de ata 21 iniciativas formativas coas que conta este PIE.

O obxectivo do proxecto está fixado nunha inserción laboral mínima do 45%, contabilizando para elo os contratos a xornada completa cunha duración de alomenos tres meses. Trátase dun parámetro que a AED conseguiu nas tres edicións anteriores e que, no caso do PIE anterior do período 2020-2021, chegou ata os 71 contratos.

Iniciativas laborais na comarca

Ademais do citado PIE, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, está a formar na actualidade a 60 dezaos nos dous obradoiros de emprego de Lalín e un terceiro que comparten Dozón, Rodeiro e Agolada cun investimento de 1.060.000 euros e a preto de 350 persoas nos 23 cursos AFD de formación para desempregados que imparten unha ducia de entidades colaboradoras homologadas cunha achega global de 1,2 millóns de euros.

Paralelamente, e tamén en colaboración coa AED, vense de poñer en marcha un Espazo Coworking, que se estrea na bisbarra do Deza e que é un dos once que hai en Galicia, para axudar ao impulso de preto dunha vintena de proxectos de emprendemento empresarial. Esta iniciativa está promovida pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI).

20 de xuño de 2022 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.