Rueda celebra o ascenso do Pontevedra C.F. á Primeira Federación e resalta a súa contribución ao prestixio do fútbol galego
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou hoxe o ascenso do Pontevedra C.F. á Primeira Federación e salientou a súa contribución ao prestixio do fútbol galego.
“Esta mañá recibo con orgullo e paixón ao equipo da miña cidade despois do esforzo que fixeron. Parabéns aos xogadores, ao corpo técnico, á directiva, membros do club e á presidenta Lupe Murillo por este merecido ascenso, pola vosa profesionalidade e por crer no esforzo”, dixo, incidindo na ilusión que o equipo contaxiou a toda Pontevedra e, en consecuencia, a toda Galicia, a través dun deporte, aseverou, que xera comuñón entre os afeccionados.
Durante o encontro co equipo, Rueda tivo tamén unhas palabras de recordo para Lugo B, que conseguiu o ascenso a Segunda Federación, así como para outros que tamén teñen posibilidades de promocionar como é o caso do Coruxo, do Ourense Club de Fútbol, do Dépor, do Celta B e do Rácing de Ferrol.
“O fútbol galego está de moda e hai que seguir soñando para encarar os retos que veñen” afirmou, convencido de que quedan aínda moitas alegrías por recibir neste deporte. Ao respecto asegurou que a Xunta estará moi atenta a todos os logros dos equipos galegos que están loitando por facelo sempre un pouco mellor.