publicidade hoxe

O Museo de Belas Artes da Coruña celebra o Día Internacional dos Museos con visitas guiadas e música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Museo de Belas Artes da Coruña súmase ás celebracións do Día Internacional dos Museos e da Noite dos Museos cunha programación especial do 18 ao 22 de maio que inclúe visitas guiadas, música e obradoiros familiares. O centro museístico da Xunta propón actividades de acceso libre ata completar a cabida, agás no caso dos obradoiros, que requiren inscrición previa. A información sobre as actividades organizadas pode consultarse na web do museo.

No marco da programación prevista pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade por esta efeméride, o vindeiro mércores, será unha xornada de portas abertas, na que se dedicará a mañá a visitas escolares. Participarán diversos centros educativos de Primaria e Secundaria da área da Coruña.

Pola tarde haberá visitas musicadas en dúas quendas, ás 18,00 e ás 19,30 da man do grupo betanceiro Proxecto Pesquedellas. Trátase dunha formación feminina que traballa a investigación do folclore e divulga a música galega de tradición oral a través de redes sociais e de obradoiros, co obxectivo de facerlla chegar á xuventude. Con estas visitas musicadas, ofrecerase unha visión subxectiva da colección do Museo de Belas Artes, contando e cantando a través dos cadros as distintas melodías que amenizaron a poboación galega de antano.

Horario especial e máis propostas na Noite dos Museos

O sábado 21, xornada elixida para conmemorar a Noite dos Museos, o espazo terá un horario de apertura especial, prolongado ata as 23,00 horas. Ademais, desenvolverase o obradoiro familiar Nas nosas mans, nunha quenda de mañá e outra de tarde, cun percorrido por distintos espazos do museo no que se abordará a sustentabilidade. Pola tarde haberá tamén dúas novas sesións de visitas musicadas co Proxecto Pesquedellas. O broche final á celebración porao o grupo compostelán Carla Green & The Demons co concerto Soul no Museo. Composta por músicos de dilatada traxectoria, a banda leva aos escenarios o mellor soul dos anos 60 e 70 con temas de artistas como Etta James, Otis Redding ou Wilson Pickett, entre outros.

13 de maio de 2022 | 11:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.