publicidade hoxe

A Xunta inicia a recollida de mostras para a cata dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia 2022

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

Hoxe mércores arranca a recollida de mostras para a Cata dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia 2022. Esta fase, que se desenvolverá ata o vindeiro día 31 deste mesmo mes de maio, supón o inicio do certame, que está previsto rematar nos primeiros días de xuño próximo.

Nesta ocasión, o persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, prevé a recollida de preto de 450 mostras procedentes de case 170 adegas e empresas comercializadoras das cinco denominacións de orixe e das catro indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas, así como das indicacións xeográficas de augardentes e licores tradicionais de Galicia.

Este traballo, realizado polo persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria en colaboración cos consellos reguladores de viños e augardentes de Galicia, desenvólvese con todas as garantías de seriedade e rigor, avalando en todo momento o anonimato das marcas participantes. De feito, unha particularidade deste concurso é que non son as adegas participantes ás que envían á organización as mostras de viños, como é habitual noutras celebracións nacionais e internacionais, senón que é o propio persoal da consellería, co apoio dos responsables de cada selo de calidade, o que leva a cabo a identificación e recollida de botellas participantes.

Trátase, polo tanto, dun proceso serio e laborioso, no que este persoal se traslada a cada unha das adegas para a recollida de seis botellas dunha partida homoxénea de viño. A etiqueta de cada unha delas será asignada por unha persoa da organización e outra da adega. Todas as botellas se envolven en material opaco e se introducen posteriormente nunha caixa selada. No exterior da mesma só quedará exposto o nome da categoría na que participa —ecolóxico, espumoso, colleiteiro e pequenas adegas, colleitas anteriores etc.— e o tipo de viño —tinto ou branco—. Tras isto, as caixas transpórtanse ao lugar determinado para as fases de cata, onde permanecerán custodiadas ata o momento da súa celebración. Ademais, o acto de apertura das caixas realizarase en presenza do secretario do concurso e dun membro do xurado. O anonimato queda preservado e asegurado en todo momento.

No que respecta ás augardentes e licores tradicionais, dada a gran diversidade de botellas utilizadas na comercialización deste tipo de bebidas, garántese a seriedade recollendo as mostras en envases idénticos de 3/8 de litro. Deste xeito, resulta imposible recoñecelos e identificalos, preservando a máxima rigorosidade e anonimato.

Pre-cata e cata final

Para poder seleccionar aos mellores viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia deste 2022, o certame pasará por una fase de pre-cata ou selección previa e unha cata final que, no caso dos viños, terá lugar entre os días 7 e 10 de xuño. Para as augardentes e licores tradicionais, esta fase de cata celebrarase o día 6 de xuño. Catadores de ámbito nacional pertencentes aos paneis de cata destes consellos reguladores, enólogos e sumilleres, serán os encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa as mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras. Os paneis de cata estarán formados por 14 profesionais no que respecta aos viños e por sete para as augardentes.

Con estas catas, a Consellería de Medio Rural recalca a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fora da nosa comunidade

18 de maio de 2022 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.