publicidade hoxe

A Xunta enxalza a dinamización no agro que está a supor a Lei de recuperación da terra agraria no seu ano de vixencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+
Xornada de formación sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Xornada de formación sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, inaugurou esta mañá no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), unha xornada de formación sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia destinada ao persoal das oficinas agrarias comarcais. Neste acto, o titular de Medio Rural puxo en valor o papel destas oficinas que -salientou- “levan moito tempo facendo unha función moi importante de desenvolvemento da actividade agrícola e gandeira no territorio galego e agora queremos que sexan tamén protagonistas na aplicación da Lei de recuperación”. Neste sentido, reiterou ademais a “aposta da Xunta polas oficinas do rural, que trae consigo a recuperación dese papel de extensión agraria e de asesoramento público” para favorecer o desenvolvemento da actividade dos agricultores e gandeiros.

O conselleiro destacou, así mesmo, a importancia da devandita lei para avanzar na recuperación da actividade económica e social dos terreos en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos incluídos nestes, e tamén para ampliar a base territorial das explotacións. Puxo en valor, ademais, que a lei abrangue as solucións aos problemas máis recorrentes do rural galego a través de instrumentos que xa se atopan materializados sobre o terreo e que xa amosaron a súa funcionalidade na práctica.

Así, José González referiuse aos polígonos agroforestais, lembrando que en dez deles xa se está a traballar en diferentes puntos de Galicia e noutros catro avánzase a través das súas primeiras fases. No seu conxunto, estes 14 polígonos suporán a posta en valor dunhas 4.400 hectáreas correspondentes a arredor de 18.500 parcelas de máis de 4.100 propietarios. Tamén indicou, en relación coas aldeas modelo, que xa hai 19 aprobadas na nosa comunidade, para recuperar preto de 525 hectáreas distribuídas en case 8.600 parcelas de preto de 2.200 propietarios.

Estas ferramentas -dixo o conselleiro-, xunto coas agrupacións de xestión conxunta, teñen como principal obxectivo impedir ou mesmo reverter o abandono no rural e resultan útiles tamén para protexer o medio ambiente, para crear emprego endóxeno e para facer prevención e defender as persoas e os seus bens dos lumes forestais. Na mesma liña, González sinalou que o Banco de explotacións é outro instrumento importante da lei para facilitar a remuda xeracional no agro. Así, explicou que se configura como unha ferramenta de mediación para poñer en contacto e servir de ligazón entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas en incorporarse a elas, co fin de garantir a súa continuidade.

Visor xeográfico

Neste sentido, cómpre lembrar ademais que a Xunta acaba de habilitar un visor xeográfico con toda a información relativa aos instrumentos recollidos na devandita Lei de recuperación da terra. Foi desenvolvido polo Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración coa Consellería do Medio Rural no marco do acordo de colaboración asinado entre ambos departamentos para o apoio ao desenvolvemento rural e á recuperación da terra agraria.

Así, o visor proporciona información gráfica e alfanumérica mediante o emprego de cartografía dixital, que se irá incrementando segundo avance a implementación da norma. En primeiro lugar, hai datos dispoñibles das aldeas modelo, tanto das declaradas como das que se atopan en fase de recollida de sinaturas. Canto aos polígonos agroforestais, móstranse os datos básicos dos que contan con acordo de inicio e dos que se atopan con actuacións previas.

Papel das oficinas agrarias comarcais

Nesta intervención, José González engadiu que para o desenvolvemento de todas estas utilidades o papel das oficinas agrarias comarcais resulta fundamental, na súa condición de entidades colaboradoras para a súa aplicación. A maiores, resaltou que estas oficinas “conéctannos ao territorio” e constitúen un servizo esencial para a poboación rural. Por iso cualificou como “prioritaria” a aposta da Consellería pola súa permanente modernización e mellora.

Actualmente Galicia conta cun total de 68 oficinas agrarias comarcais repartidas por todo o territorio, nas que traballan preto de 500 persoas. Estas entidades, ademais de ofrecer información e asesoramento aos cidadáns, xestionan os diferentes trámites que os veciños do rural fan diante da Administración.

18 de maio de 2022 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.