publicidade hoxe

Feijóo resalta a educación como piar fundamental para o mundo pospandemia e incide na innovación, a calidade e a equidade como claves de futuro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a educación como piar fundamental para o mundo pospandemia e incidiu na innovación, a calidade e a equidade como claves de futuro.

Durante o acto de inauguración do XVII Congreso Nacional e IX Iberoamericano de Pedagoxía, Feijóo destacou que “o investimento principal dun país é a educación porque é un investimento de futuro e, como tal, debe ser unha prioridade de calquera sociedade” e reiterou que así seguirá a ser por parte do Goberno galego.

O presidente da Xunta aproveitou o acto para agradecer e recoñecer novamente o compromiso de toda a comunidade educativa que fixo posible superar o curso máis complexo de toda a historia da Comunidade. “Foi moi importante que os docentes asumisen unha responsabilidade educativa non só no sentido estrito do termo, senón no sentido amplo; preservar aos alumnos nas aulas para que fosen seguras e se puidesen impartir presencialmente durante todo o curso académico nas escolas infantís, Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e nas universidades”, dixo.

Un esforzo que foi acompañado tamén do compromiso da Xunta para garantir a máxima seguridade nas aulas e blindar o proceso continuo de ensinanza-aprendizaxe: reforzando o profesorado coa contratación de 2.300 docentes a maiores; incrementando a partida de gasto de funcionamento dos centros escolares públicos, para facer fronte aos gastos derivados da posta en marcha de medidas contra a covid; e poñendo en marcha iniciativas como o Plan de ensinanza virtual, o Plan de atención ao alumnado vulnerable e o Plan de benestar emocional. “En total, estamos a falar dun investimento de aproximadamente 170 millóns de euros para garantir a seguridade sanitaria nas aulas”, abundou.

Nesta liña, recordou que de cara ao próximo curso téñense fixados tres obxectivos básicos: o reforzo da aprendizaxe que se resentiu pola pandemia, con 1.250 profesores máis para acadalo; manter o benestar emocional; e impulsar un novo modelo de escolas poscovid, a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Así mesmo, resaltou as dúas liñas de actuación nas que a Administración autonómica leva tempo traballando e que agora son máis importantes que nunca: o proceso de estabilización de 4.000 docentes, cunha das maiores oposicións da historia da comunidade; e seguir apostando pola dixitalización, “que foi clave nesta etapa”.

7 de xullo de 2021 | 12:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.