publicidade hoxe

A Xunta resolve por preto de 500.000 euros as axudas para a realización de proxectos de cooperación entre os grupos de desenvolvemento rural de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de asinar por preto de 500.000 euros a resolución das axudas para a posta en marcha de diferentes proxectos de cooperación por parte dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia colaborando con outros grupos da comunidade ou de fóra dela. O orzamento corresponde ás anualidades de 2021 e 2022, consignándose en concreto un montante de 247.814 euros para cada un dos dous exercicios, ao abeiro da medida Leader.

En concreto, os beneficiarios son sete proxectos entre os que cómpre sinalar o denominado “Eurochef”, coordinado pola pontevedresa Asociación de desenvolvemento rural Galicia Suroeste Eu Rural e no que tamén participa o GDR Terras de Pontevedra Norte e o Bucovina du Monte de Romanía para lanzar unha marca e rede alimentaria transnacional que vincule produtos locais, territorios e calidade. Tamén implica grupos de fóra de Galicia a iniciativa coordinada pola coruñesa Asociación de desenvolvemento local Deloa para a xestión da sustentabilidade nos espectáculos ao vivo, que conta coa colaboración de GDR de Estremadura.

Xa dentro do ámbito galego, recibiu axuda un proxecto liderado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos para impulsar as marcas propias e a marca nacional nas Reservas da Biosfera españolas en producións alimentarias. Tamén o chamado “Son de Monte” que coordina o GDR Limia–Arnoia para asentar unha rede de centros de información e promoción da cultura do monte ou a iniciativa “Museos vivos” dirixida polo GDR Ribeira Sacra-Courel para implementar unha plataforma web que permita manter abertos os museos e centros de interpretación do medio rural.

Por último, déuselle subvención á iniciativa do GDR da comarca de Ferrol Seitura 22 que tratará que a xuventude interesada coñeza mellor as oportunidades que hai nos ámbitos rurais para desenvolver o seu proxecto profesional e persoal, así como ao liderado polo grupo Pontevedra-Morrazo para impulsar a vitivinicultura nas indicacións xeográficas protexidas (IXP) de viño de Galicia, cun intercambio de experiencias, mellorando o coñecemento e posicionamento web, desenvolvendo o enoturismo e aflorando sinerxías.

Apoio da Xunta

A finalidade destas subvencións que financia o Goberno galego coa axuda do Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (Feader) é fomentar a cooperación entre os GDR galegos ou con outros grupos de España, da Unión Europea ou de terceiros países sempre que teñan intereses comúns nun determinado ámbito, para avanzar no desenvolvemento local e na aprendizaxe mutua buscando solucións conxuntas a problemas concretos.

Deste xeito, os proxectos de cooperación poden ser intraterritoriais -se só participan grupos de Galicia-, interterritoriais -se implican como mínimo un GDR galego e outro ou outros grupos doutras autonomías- e transnacionais, se ao mínimo dun GDR da nosa comunidade se lle suman grupos doutros estados membros da Unión Europea ou doutros países de fóra da UE.

Para optar ás axudas, os proxectos de cooperación debían identificar o grupo coordinador da iniciativa e o grupo coordinador específico para Galicia, se fose o caso, así como os demais grupos cooperantes e entidades colaboradoras. Así mesmo, debían constar as capacidades, deficiencias e potencialidades do ámbito de aplicación, os obxectivos específicos perseguidos, a estratexia prevista para cumprilos e as conclusións sobre a repercusión que terá o proxecto sobre o ambiente e sobre os grupos de mulleres, mozos ou outros colectivos que merezan unha especial consideración na zona.

21 de xullo de 2021 | 10:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.