publicidade hoxe

A Casa Museo Rosalía de Castro de Padrón acolle este sábado o IV encontro do ciclo “Xacobeo peregrinas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPadrón
A-
A+

A comunicación a través da palabra, das redes ou da música; a ciencia e a docencia e, por suposto, o Camiño e a visión como peregrinas e como mulleres da Ruta centrarán un novo encontro do Ciclo Xacobeo Peregrinas que terá lugar este sábado na Casa Museo Rosalía de Castro de Padrón.

Na iniciativa impulsada conxuntamente por Turismo de Galicia e a Secretaria Xeral de Igualdade contará coa participación nesta sesión da directora xeral de Emprego, Traballo Autonómo e Economía Social, Covadonga Toca. Aínda que os encontros se retransmiten vía streaming a través da canle de Youtube do Camiño de Santiago, como novidade este será o primeiro encontro que se celebrará coa participación presencial de público, conformado por asociacións e colectivos vencellados á muller e ao Camiño.

A escritora e comunicadora Isabel Llanos “Isasaweis”, a directora da axencia de viaxes especializada no Camiño, Tee Travel, Mar Rodríguez; a cantante e poeta Uxía Senlle e a neurocientífica e profesora, Sonia Villapol, serán as protagonistas desta nova sesión de encontros cos que se busca artellar un relato do Camiño desde un punto de vista de xénero. O Camiño Portugués servirá de fío condutor desta nova xornada que estará conducida pola xornalista e escritora María Solar.

Despois de Santiago, Mondoñedo e Xunqueira de Ambía, este cuarto encontro servirá para seguir sumando relatos, vivencias e conexións entre mulleres profesionais de distintas disciplinas e procedencias, dando a coñecer ao público os camiños de Santiago desde outras perspectivas, mediante un formato innovador, atractivo e próximo.
Xacobeo Peregrinas encádrase no marco da programación do Xacobeo 21-22 e seguirá desenvolvéndose ata finais de ano con carácter mensual.

24 de xuño de 2021 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.