publicidade hoxe

A Xunta repartiu material de protección e probas diagnósticas por valor de 9,8 millóns de euros ás residencias, centros de día e escolas infantís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia destinou 9,8 millóns de euros a comprar e distribuír material de protección e probas de antíxenos para as residencias e centros de día de maiores e persoas con discapacidade, así como para as escolas infantís, desde o mes de abril de 2020. Durante os últimos catorce meses estes equipos empregáronse de forma ordinaria para renovar diariamente os EPIs básicos e tamén de forma urxente no caso de gromos nos centros.

Este material de protección foi repartido en todos os centros de servizos sociais da comunidade, independentemente da súa titularidade. En total, durante o último ano enviáronse máis de 41 millóns de unidades de diferentes produtos destinados a protexer a traballadores e usuarios destes centros, así como a detectar a posible presenza do virus. En concreto, o material que se enviou en maior cantidade ás residencias e centros de día de maiores e persoas con discapacidade foron as máscaras cirúrxicas, das que se repartiron máis de 20 millóns, e as luvas, con máis de 17 millóns.

Nas escolas infantís, de igual xeito, o material máis demandado foron as máscaras cirúrxicas, das que se enviaron máis de 2,8 millóns, e as luvas, das que se distribuíron 90.000 unidades.

Tamén o xel hidroalcohólico foi un dos produtos máis solicitados en Galicia por todos os colectivos, tanto por parte dos centros de maiores como dos máis pequenos. Deste material repartíronse máis de 140.000 unidades.

Protocolos de actuación

Ademais do material de protección, os centros residenciais de maiores e persoas con discapacidade de Galicia contaron desde o primeiro momento con protocolos de prevención e de actuación en caso de presenza da covid-19, o que contribuíu, xunto ao traballo e a profesionalidade do persoal destes centros, a reducir as consecuencias que a pandemia podería ter deixado neste colectivo, que constitúe un dos máis vulnerables a este virus.

17 de maio de 2021 | 09:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.