publicidade hoxe

A Xunta eleva ata os 2,6M€ as axudas para a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta vén de incrementar nun 30,6% o programa de axudas destinado a promover entre os autónomos e as pequenas e medianas empresas (pemes) a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE). A iniciativa, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) contará este ano, deste xeito, con máis de 2,6 millóns de euros.

Desde mañá e ata o próximo 10 de xuño poderán solicitar estes apoios aquelas pemes e persoas traballadoras autónomas con sede social ou representación en Galicia que conten cun mínimo de seis empregados. No caso das axudas vinculadas aos plans de igualdade, as compañías terán que ter un mínimo de 15 e un máximo de 100 traballadores e traballadoras.

A Consellería de Emprego e Igualdade, dunha banda, incentivará con este programa a elaboración de diagnoses en materia de igualdade, a elaboración de plans de igualdade e a implantación das súas primeiras accións, así como a contratación dunha persoa experta para asesorar á empresa en todo este proceso. En concreto, financiarase ata o 80% os custes derivados do proceso de diagnose cun máximo de 3.000 euros nas empresas de ata 20 traballadores e traballadoras; e ata 5.000 euros nos demais casos. Tamén apoiarase ata o 80%, os custes destinados á elaboración dun plan de igualdade -cun máximo de 1.500 euros nas firmas de ata 20 empregados e ata 3.000 euros nas restantes-; e os gastos para a implantación das medidas prioritarias previstas na primeira fase do plan de igualdade, cun máximo de 1.000 euros nas compañías de ata 20 persoas traballadoras e ata 2.000 euros nos demais supostos. Así mesmo, concederanse 12.000 euros pola contratación dunha persoa experta en igualdade.

Conciliación e RSE

Doutra parte, o Goberno galego apoiará a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por traballador ou traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (10.000 euros por firma). Estes apoios incrementaranse en 1.000 euros para aqueles autónomos ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coa finalidade tamén de promover o uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC), financiarase o 80% do investimento, co tope de 1.500 euros por traballador beneficiado e cun límite máximo de 20.000 euros por empresa. Esta axuda aumentará nun 10% naquelas empresas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

En terceiro lugar, este programa de Emprego e Igualdade tamén apoia ás empresas e autónomos na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiando o 80% dos custes do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por empresa. É preciso lembrar que Galicia é pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar un verdadeiro emprego estable e de calidade. En 2012 foi unha das primeiras comunidades en poñer en marcha un plan específico. Do que se trata é de poñer a RSE no centro do modelo empresarial que se quere impulsar desde Galicia, xa que a competitividade das empresas crecerá se existe un verdadeiro compromiso coa economía verde e responsable.

Doutro lado, o DOG publica tamén hoxe as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por proceder de empresas en crise. Trátase duns apoios para complementar a indemnización das persoas nesta franxa de idade que perderon o seu traballo como consecuencia da pandemia. O prazo de solicitude ábrese mañá e rematará o 30 de setembro.

10 de maio de 2021 | 10:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.