Sanidade establece o nivel 2 en toda Galicia e limita as reunións a un máximo de 5 persoas
A Consellería de Sanidade vén de anunciar o establecemento do nivel 2 de restricións en toda Galicia, onde ademais se limitarán as xuntanzas a grupos dun máximo de 5 persoas.
Neste senso, a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma fica no nivel 2 de restricións, unha circunstancia que incidirá nos aforos e na ocupación dos espazos dos diferentes ámbitos sociais.
Entre as decisións adoptadas polo Comité clínico que fai o seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade, e tras constatar o aumento de contaxios, tamén decidiu incrementar ata o nivel 3 de restricións o concello de Santiago e a localidade do Milladoiro (Ames), onde ademais as xuntanzas ficarán restrinxidas a persoas conviventes.
Os bares e cafeterías da capital de Galicia e desta localidade amiense tamén verán restrinxido o seus servizos no interior dos locais, quedando limitada a súa actividade ao 50% do número de mesas das súas terrazas.
A pesar da mellora que presenta a evolución epidemiolóxica nos concellos de Ourense e Barbadás, ambos continuarán a manterse no nivel 3 de restricións, xunto coa limitación de xuntanzas exclusivas entre conviventes e o peche da mobilidade perimetral entre os dous concellos, xa en vigor desde o pasado 7 de outubro.
Unha das novidades introducidas no día de hoxe polo Comité clínico foi elevar ao nivel 3 de restricións aos concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós, onde se establecerá un peche de mobilidade perimetral que só permitirá desprazamentos entre os tres municipios. Ademais, as xuntanzas entre persoas nestes concellos ficará limitada só a persoas conviventes.
Seguindo na provincia de Ourense, o Comité de expertos deciciu restrinxir todas as actividades non esenciais nos concellos de O Carballiño, O Irixo e Boborás, ao considerar preciso reforzar as medidas de prevención co obxecto de evitar a propagación do virus nestes municipios. Así mesmo, continuarán coa restrición de mobilidade perimentral xa establecida e coa limitación de xuntanzas entre de grupos de persoas conviventes.
Todas estas medidas, que se publicarán mañá no Diario Oficial de Galicia, entrarán en vigor dende as 00,00 horas do xoves.