A Secretaría Xeral para o Deporte toma novas medidas para que o deporte galego avance de xeito unánime na mesma dirección
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu na mañá de hoxe unha nova reunión virtual coa xunta directiva da Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA). O mandatario galego enviou aos distintos presidentes das federacións deportivas de Galicia unha mensaxe de “unión nun momento complicado” no que a Secretaría Xeral para o Deporte traballa “man a man” co tecido deportivo galego na toma de decisións conxuntas que beneficien á totalidade do sector. Esta xuntanza enmárcase nunha serie de encontros virtuais que a Secretaría Xeral para o Deporte realiza periodicamente para que todo o deporte galego avance “de xeito unánime na mesma dirección”.
En canto as medidas máis importantes xa tomadas pola Xunta de Galicia no eido deportivo, o secretario xeral informou que, a resolución que prorroga seis meses os recoñecementos de alto nivel para os deportistas galegos que finalizan a súa condición no ano 2020 vén de ser asinada e que será publicada no Diario Oficial de Galicia nas vindeiras datas. A extensión deste recoñecemento noutros seis meses implica tamén a extensión de todos os beneficios que leva aparellados.
Cómpre salientar tamén que no mes de maio, a Escola Galega do Deporte porá en marcha o bloque común das actividades de formación deportiva, na modalidade a distancia, coa colaboración da Unión de Federeacións Deportivas Galegas.
Os expedientes de pago dos 58 convenios de colaboración coas federacións deportivas de Galicia -por primeira vez de xeito anticipado grazas a autorización do Consello da Xunta no pasado mes de decembro-; a convocatoria a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas para o desenvolvemento de actividades deportivas; así como o Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia da Fundación Deporte Galego, seguen a súa tramitación habitual.
No que atinxe á resolución das competicións deportivas autonómicas suspendidas e que dependen das federacións, o secretario xeral para o Deporte escoitou as dúbidas e propostas dos responsables da UFEDEGA, tendo en conta as particularidades de cada federación co obxectivo de poder tomar unha decisión conxunta que favoreza a todo o tecido deportivo galego nas próximas reunións.
Neste sentido, Lete Lasa informou aos presidentes de federacións deportivas galegas que a Secretaría Xeral agarda resposta do Consejo Superior de Deportes tras a comunicación enviada o pasado 30 de marzo na que se solicitaba información sobre as decisións adoptadas respecto das competicións deportivas oficiais de ámbito estatal nas distintas modalidades.
O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal).