publicidade hoxe

A Xunta destina máis de 178.000 euros a entidades locais para a prestación de servizos de atención temperá na comarca de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrdes
A-
A+

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez e o alcalde de Frades, Roberto Rey, visitaron está mañá a unidade de Servizo de Atención Temperá da mancomunidade de Ordes. Este ente supramunicipal presta servizo dende 2016. Este ano os concellos agrupados nesta unidade son Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso e Trazo. Este servizo ten como obxectivo apoiar o desenrolo infantil e a inclusión sociofamiliar dos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos que precisan asistencia ou atención especial. Ao ano este SAT atende a unha media de 160 casos en Ordes. Esta unidade conta como persoal técnico con dúas logopedas, unha psicopedagogas e unha psicóloga.

O delegado territorial aproveitou a visita para informar da resolución deste ano na comarca de Santiago que destina máis de 178.000 euros para manter as 3 unidades de Atención Temperá existentes, a Agrupación de concellos de Santa Comba e Baña, cunha partida de 17.890 euros, o Concello de Teo cunha achega de 45.747 euros e a Mancomunidade de concellos de Ordes cunha subvención de 115.104 euros. As partidas varían en función do persoal e das horas necesarias en cada servizo.

As subvencións deste ano consolidan na provincia os 5 servizos xa existentes nas comarcas de Santiago e Barbanza, e financian a posta en marcha de tres novas unidades, a maioría xestionadas de maneira compartida por parte de mancomunidades e agrupacións de concellos, nas áreas de Ferrol e Coruña. En total, na provincia da Coruña funcionarán, grazas a esta nova convocatoria, 8 unidades de Atención Temperá cun investimento total de máis de 442.000 euros.

O obxectivo deste tipo de axudas é dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os menores de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, apostando por un modelo de servizo fundamentado na prevención, na promoción da autonomía persoal e na inclusión social a través da prestación de servizos na proximidade das familias e nos contornos naturais da vida dos nenos e nenas.

Neste sentido, Ovidio Rodeiro destacou que “o ámbito municipal é idóneo para a prestación deste tipo de apoio aos máis novos pola súa proximidade á veciñanza e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, tendo en conta ademais que un dos principios reitores da Rede galega de atención temperá é a descentralización e proximidade”. Deste xeito, apuntou que “a finalidade é conseguir un achegamento eficiente ás persoas destinatarias mediante o desenvolvemento, sempre que sexa posible, de actuacións de base comunitaria para a inclusión social e nas que, polo tanto, a rede de recursos comunitarios (sociais, sanitarios e educativos) son peza fundamental nunha atención e prestación de calidade”.

Nos últimos dez anos a Rede galega de atención temperá pasou de cubrir 15 concellos en 2009 a superar os 90 na actualidade. Ademais destas unidades de titularidade municipal, Galicia dispón de recursos de atención temperá nos hospitais públicos e de tres unidades nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá (Agat).

22 de xullo de 2019 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.