publicidade hoxe

Medio Ambiente concede 90.000 euros ao Concello de Bande para a rehabilitación de tres antigas vivendas de mestres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBande
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), concederalle preto de 90.000 euros ao Concello de Bande para rehabilitar tres antigas vivendas de mestres a través da orde de axudas convocada a comezos de 2019 para a recuperación deste tipo de inmobles en concellos pequenos. Así llo trasladou a conselleira Ángeles Vázquez ao alcalde de Bande, José Antonio Armada, con quen mantivo unha reunión na que abordaron diversos asuntos de interese relativos a áreas da súa competencia.

O Concello de Bande xa recibira outra axuda por importe de máis de 100.000 euros ao abeiro da convocatoria de axudas de 2018 para a rehabilitación de vivendas de mestres e doutros oficios de titularidade municipal dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes. Grazas a esa subvención, estanse a executar xa as obras de restauración de tres vivendas de mestres localizadas neste municipio ourensán, ás que se sumarán ao longo deste ano outros tres inmobles cun investimento total por parte da Consellería de case 200.000 euros.

A liña de axudas para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal foi convocada no DOG o pasado mes de febreiro e conta cunha dotación de preto de 2 millóns de euros. O seu obxectivo é facilitar aos concellos pequenos e que contan con veciños inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia a creación dun parque público de vivenda municipal destinada ao alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de inmobles xa existentes.

Neste sentido, Ángeles Vázquez trasladoulle ao rexedor a boa acollida que está a ter entre os municipios galegos máis pequenos esta liña de axudas, que en 2019 cumpre a súa terceira convocatoria e grazas á cal nos dous anos anteriores xa se beneficiaron 19 concellos co obxectivo de rehabilitar un total de 41 vivendas de mestres. Neste sentido, aproveitou a xuntanza para felicitar ao rexedor por aproveitar o apoio da Xunta para crear no seu concello un parque de vivenda pública en alugueiro de propiedade municipal.

Por outra banda, o alcalde de Bande tamén se trasladou á conselleira outros asuntos e proxectos urbanísticos de interese para o concello nos que nestes momentos está a traballar, así como algunha cuestión relacionada coa pesca fluvial e o entorno do río Limia.

27 de xuño de 2019 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.