publicidade hoxe

Apertura do prazo de presentación de solicitudes para os Premios do Deporte Galego do ano 2018 que nesta edición estrean a categoría ‘xogo limpo’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de onte a resolución do 24 de maio de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convocan os Premios do Deporte Galego do ano 2018. A Lei 3/2012 do deporte de Galicia establece entre as competencias da Administración autonómica a de realizar as convocatorias de ámbito autonómico para o outorgamento de premios ou distincións e outras actuacións de fomento do deporte. A Xunta de Galicia concede anualmente os Premios Deporte Galego e as Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia.

Os Premios do Deporte Galego do ano 2018 recoñecerán publicamente os máis destacados axentes do ámbito deportivo de Galicia nos seguintes dezaoito eidos: mellor deportista feminina, mellor deportista feminina con discapacidade, mellor deportista masculino, mellor deportista masculino con discapacidade, deportista revelación, mellor equipo feminino, mellor equipo masculino, mellor equipo de deportistas con discapacidade, mellor entidade na promoción do deporte de base, mellor adestrador/a, mellor árbitro/a xuíz/a, mellor labor informativo, mellor evento deportivo, patrocinio deportivo, xogo limpo, premio Galicia Saudable á entidade de carácter público destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa, premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa, premio Galicia Saudable á entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa. Xunto a estas categorías, por proposta e por resolución do xurado, poderán outorgarse mencións especiais.

Cómpre salientar que este ano engádese como novidade a categoría ‘xogo limpo’ polo que se recoñecerán persoas ou entidades que demostren ou fomenten unha excelente conduta e actividade deportiva. Esta acción vai na liña da Secretaría Xeral para o Deporte en prol do fomento de actitudes positivas e no traballo pola erradicación de calquera tipo de violencia no deporte.

Poderán formular propostas as entidades deportivas de Galicia inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, os concellos galegos, así como calquera outro organismo ou entidade pública ou privada radicados na Comunidade Autónoma, os membros do xurado e as persoas físicas relacionadas coa actividade física e o deporte galego. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación de candidaturas rematará aos dez días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da resolución.

O xurado cualificador estará presidido pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica con competencias en materia de deporte e serán vogais: a persoa titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas, a persoa titular da presidencia dunha entidade galega vencellada ao mundo do deporte que designará a Secretaría Xeral para o Deporte, as persoas titulares das xefaturas de servizos provinciais de deportes, a Xefatura de Deportes da CRTVG e outros tres vogais designados pola presidenta do xurado entre o persoal ao servizo da Secretaría Xeral para o Deporte ou da Fundación Deporte Galego.

5 de xuño de 2019 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.