publicidade hoxe

Cultura organiza obradoiros, visitas e música para conmemorar o Día Internacional dos Museos na provincia ourensá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O 18 de Maio celébrase o Día Internacional dos Museos. Con motivo desta data os museos xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo ofrecen un amplo programa de actividades para todos os públicos: xornadas de portas abertas, visitas guiadas, concertos, obradoiros, conferencias ou exposicións. O lema deste ano é Os museos como eixos culturais:o futuro da tradición e orienta as súas accións en subliñar os novos papeis que desenvolven os museos como actores activos nas súas comunidades, máis interactivos, centrados na audiencia, orientados á comunidade e que funcionan como plataformas onde a creatividade combínase co coñecemento e onde os visitantes poden co-crear, compartir e interactuar.

Moitos dos museos empezan xa a celebración da efeméride nas xornadas previas ao 18 de maio. É o caso do Arqueolóxico Provincial de Ourense, que durante toda esta semana ofreceu visitas guiadas ao edificio do museo na praza Maior (Pazo Episcopal), así como obradoiros didácticos dirixidos a rapazas e rapaces da ESO ‘Reinterpretando o pasado’.

Precisamente, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe aos escolares do colexio Divina Pastora da cidade das Burgas que estaban a participar nesta actividade que ten como obxectivo invitar ao alumnado a reinterpretar o pasado como expresión artística do futuro.

Así, o obradoiro consiste en amosar os fondos fotográficos da cidade que se conservan no Museo Arqueolóxico Provincial para que os escolares sexan quen de ollar a cidade con outros ollos. Mediante métodos de aprendizaxe cooperativo analízanse as escenas representadas, co fin de que os participantes comprendan, analicen e se expresen artisticamente sobre o cambio e evolución das cidades, nas que o pasado e o futuro conviven a diario.

Díaz Mouteira subliñou a importancia dos museos para o patrimonio cultural da sociedade achegando datos da historia, da arte e da cultura.

Na visita a delegada estivo acompañada pola xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, Sandra Quintas Vázquez, e do director do museo, Xulio Rodríguez González.

O 18 de maio, todos os museos teñen xornada de portas abertas, con entrada de balde. Ademais, no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense está prevista unha sesión vermú amenizada polo grupo Blues do País.

Museo Etnolóxico de Ribadavia

Ademais, na provincia ourensá, tamén o Museo Etnolóxico de Ribadavia decidiu adiantar a celebración do Día Internacional dos Museos con visitas teatralizadas ao museo, así como obradoiros para escolares. Hoxe a Escola Municipal de Música de Ribadavia ofrecerá un concerto nas instalacións do museo e mañá, coincidindo co Día das Letras Galegas, o museo participará na romaría Etnográfica Raigame. O Museo Etnolóxico de Ribadavia alongará as actividades ata finais do mes de maio cunha visita ao Museo Comarcal de Fonsagrada (sábado 25 de maio) e unha charla sobre astronomía e unha actividade de observación do ceo, na noite do venres 31 de maio.

16 de maio de 2019 | 15:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.