publicidade hoxe

Carmen Pomar salienta a importancia da implicación do conxunto da comunidade educativa na consecución do éxito escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, salientou esta mañá a importancia da implicación do conxunto da comunidade educativa na consecución do éxito escolar e dun ensino de calidade. Fíxoo nunha visita ao IES Muralla Romana, na cidade de Lugo, onde tivo a oportunidade de coñecer as diferentes iniciativas que desenvolve o centro a prol do apoio ao alumnado.

Neste sentido, o instituto lucense desenvolve este ano dúas liñas dos contratos-programa, unha delas a de Reforzo, orientación e apoio (PROA), dirixida a mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades, a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias. Así mesmo, traballa sobre a terceira liña, para a mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, que contempla todas as accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa.

O centro dispón, así mesmo, dunha biblioteca escolar moi activa que acolle o club de lectura Lecturas e Andanzas e co distintivo de calidade Selo Vida Saudable.

O IES Muralla de Lugo conta con máis de 900 alumnas e alumnos e oferta este curso ensinanzas de ESO, Bacharelato, FP Básica e ciclos formativos de grao medio e superior nas familias profesionais de Administración e xestión, Imaxe persoal, Informática e comunicacións, así como un ciclo de FP Dual no ciclo de grao superior en Estética integral e benestar, en colaboración con Inversiones Hoteleras de Galicia, S.L.

CEIP Plurilingüe Santa María

A conselleira aproveitou a súa visita á provincia de Lugo para achegarse a coñecer os centros educativos da Fonsagrada, dos que destacou a súa participación no Plan Proxecta, marco dos programas educativos desenvolvidos desde diferentes consellerías e organismos da Xunta de Galicia.

Neste eido o CEIP Plurilingüe Santa María traballa sobre a iniciativa Aliméntate ben (organizado polas consellerías do Mar, Medio Rural e Sanidade), para a mellora dos hábitos alimenticios do alumnado, así como co Proxecto Deportivo do Centro, impulsado desde a Secretaría Xeral para o Deporte para a constitución dunha rede de centros promotores de vida activa e saudable.

Pola súa banda, o IES Plurilingüe Fontem Albei participa no programa Clases sen fume, desenvolvido pola Consellería de Sanidade para a prevención do tabaquismo; na iniciativa Correspondentes xuvenís 3.0, coa que a Consellería de Política Social promove a difusión de información de interese para o alumnado a través da creación dunha rede de correspondentes xuvenís nos institutos; e en Por 365 días de respecto e igualdade, para a prevención da violencia de xénero dentro do ámbito educativo.

No CEIP Plurilingüe Santa María a conselleira interesouse tamén polas diversas actividades de dinamización que se realizan na biblioteca (que forma parte do Plan de Mellora) arredor do Día Mundial Contra o Acoso Escolar, do Día do Libro ou da robótica, entre outras; así como pola súa participación este curso no Voluntariado de Lectura-A, co que se procura estimular o voluntariado cultural relacionado coa biblioteca e a lectura entre o alumnado de 5º e 6º de primaria.

O colexio fonsagradino traballa, ademais, na segunda liña dos contratos programa, centrada nas accións para a mellora da competencia matemática e en comunicación lingüística; e, ademais de ser plurilingüe, conta cunha sección bilingüe.

No caso do IES Fontem Albei, que participa no programa Piteas de formación para o desenvolvemento do talento, Carmen Pomar puido comprobar o funcionamento da iniciativa de libro dixital E-Dixgal, así como da miniempresa creada polo centro no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia (Eduemprende).

7 de maio de 2019 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.