A Xunta licita actuacións de mellora do firme en varias estradas autonómicas nas comarcas da Coruña, Bergantiños e Ordes, por un investimento de 1 millón de euros
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación de actuacións de mellora do firme en varias estradas de titularidade autonómica nas comarcas da Coruña, Bergantiños e Ordes, por un investimento de preto de 1 millón de euros.
Esta actuación ten por obxecto a mellora das condicións de circulación nas estradas de titularidade autonómica AC-523, AC-524 e AC-408, ao seu paso polos Concellos de Culleredo, A Laracha, Cerceda, Ordes, Frades e Mesía.
As empresas interesadas na execución deste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 10 de xuño. As obras dispoñen dun prazo de execución de 6 meses, a contar desde a formalización do contrato de adxudicación.
Máis en concreto, o contrato contempla a rehabilitación do firme no tramo de case 16 quilómetros da AC-523, no seu percorrido polos concellos de Culleredo, A Laracha e Cerceda. Na estrada AC-524 estes traballos se executarán ao longo dos case 20 quilómetros desta vía ao seu paso polos municipios de Ordes, Frades e Mesía, e na AC-408 intervirase no tramo do Concello de Ordes, entre os puntos quilométricos, 0+000 e 2+580.
Estes traballos teñen como obxectivo rehabilitar a capa de rodadura naqueles treitos que presenten carencias para prolongar a vida útil do pavimento. As actuacións se complementarán cos traballos de reposición da sinalización horizontal e vertical e a colocación de captafaros reflectantes nas marxes.