publicidade hoxe

Lete Lasa ofrece o apoio da Xunta na “compatibilización da actividade deportiva e formativa que permita unha transición exitosa dos deportistas galegos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe nas ‘Xornadas sobre concienciación da carreira dual no deporte de alto nivel’ impartidas por persoal do Programa de Atención ao Deportista de Alto Nivel (PROAD) del Consejo Superior de Deportes (CSD) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. O máximo responsable do Deporte galego ofreceu o apoio da Xunta de Galicia a todos os deportistas na “compatibilización da actividade deportiva e formativa que permita unha transición exitosa unha vez que finalicen a súa carreira deportiva”. “A Xunta de Galicia estará pendente dos vosos pasos para acompañarvos nese camiño que ás veces parece empinarse, pero que co empuxe de todos, será moito máis sinxelo chegar ao destino”, sentenciou.

Ao fío desta idea, Lete Lasa puxo o exemplo da padexeira Teresa Portela que con 14 medallas mundiais, 17 europeas e cinco diplomas olímpicos demostra que “tamén hai tempo para licenciarse dobremente como fisioterapeuta e mestra infantil, para xestionar brillantemente a súa clínica e sobre todo, para ser nai”.

Para axudar aos deportistas galegos e galegas na súa transición unha vez rematan a súa carreira deportiva, o mandatario galego destacou a ferramenta ‘ Eu son DGAN’ que desde novembro de 2017 axuda aos deportistas galegos de alto nivel na súa inserción laboral da man da Fundación ONCE para “conseguir a integración plena na sociedade e no ámbito laboral de todos os nosos deportistas”. Neste sentido e aproveitando a presencia no CGTD dos representantes do PROAD, Lete Lasa informou que neste exercicio a Secretaría Xeral para o Deporte traballará “man a man con este Programa para aproveitar a súa atención individualizada presencial e telemática que integra e ofrece información, asesoramento, orientación, intermediación e xestión de todos os recursos que poidan necesitar os deportistas de alto nivel para facilitar o seu proceso de transición profesional ao finalizar a súa actividade deportiva”.

Do mesmo xeito, tal e como anunciou no Parlamento de Galicia, o secretario xeral lembrou que a Oficina de Atención ao Deportista “verá a luz unha vez rematada a tramitación en curso do novo decreto de alto nivel para encargarse de prestar os servizos de información, orientación e acompañamento en todos os trámites que poidan necesitar os deportistas”.

24 de abril de 2019 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.