publicidade hoxe

A Xunta difunde na universidade a economía social como unha oportunidade de emprego

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago a cata de ideas empresariais coa que a Xunta e o resto de socios do proxecto Laces están a difundir entre a cidadanía a economía social como unha oportunidade de emprego.

A iniciativa, que terá lugar ata mañá en Santiago, busca consolidar este modelo empresarial solidario, colaborativo e centrado nas persoas no espazo transfronteirizo. É o reto principal de Laces que lidera a Xunta e que establece unha axenda conxunta para difundir as vantaxes da economía social, como marco para constituír empresas e emprego de calidade. Ademais, ten como un dos seus principais obxectivos identificar as oportunidades de negocio vinculadas a sectores emerxentes. Os socios deste programa en Galicia son, ademais da Administración autonómica, a Universidade de Santiago (USC), a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), a Unión de Cooperativas de Galicia-EspazoCoop e a Asociación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal).

A cata de ideas empresariais é unha exposición formada por 22 paneis e 5 pantallas táctiles a través dos que se recolle o labor de 20 empresas de economía social de Galicia e o Norte de Portugal e información sobre este modelo de negocio que inclúe diversidade de fórmulas xurídicas. A cata percorrerá en total 16 emprazamentos, 8 en Galicia e 8 en Portugal.

Toca explicou na xornada de difusión, que tamén tivo lugar hoxe para dar a coñecer este proxecto, que o interese que une a Galicia e o Norte de Portugal por medio desta iniciativa é dotar de maior valor á economía social para a creación de riqueza e emprego. “Traballamos por conseguir territorios máis igualitarios e con máis oportunidades con empresas enfocadas ás persoas e cunha maior cohesión territorial e social”, engadiu. A secretaria xeral, así mesmo, indicou que o reto é impulsar o crecemento económico partindo dun modelo baseado na innovación e no capital humano, que permita diminuír o desemprego e aumentar a produtividade.

A través do proxecto Laces tamén está en marcha a aceleradora de economía social Es-Conecta, dirixida a emprendedores e proxectos deste sector en fase de consolidación. Os participantes en Es-Conecta están a formarse a través dun programa de alto rendemento de catro meses de duración, que combina, baixo a supervisión dun equipo de especialistas, un conxunto de accións baseadas na formación, a titorización, o coaching, a mentorización e o apoio no acceso a financiamento externo.

Tralo paso pola aceleradora, os participantes contarán cunha preparación e coñecementos que lles permita reducir o tempo de posta en marcha e consolidación do seu proxecto e desenvolvelo con maiores garantías de éxito. Así mesmo, accederán a fontes de financiamento externo para poñer en marcha ou desenvolver o seu plan ou empresa e formarán parte de redes de cooperación entre proxectos de diversas temáticas e sectores.

3 de abril de 2019 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.