publicidade hoxe

Un total de 15 desempregados formáronse en atención sociosanitaria co obxectivo de acceder ao mercado laboral nun curso promovido pola Mancomunidade do Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Carballiño
A-
A+

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na clausura dun curso de formación para desempregados (AFD) promovido pola Mancomunidade de municipios da comarca do Carballiño e cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta acción formativa, de 450 horas de duración, capacitou ás 15 persoas desempregadas que participaron no curso para atender a persoas dependentes no ámbito sociosanitario. A Xunta de Galicia outorga ao alumnado o certificado de profesionalidade na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, válido en toda España.

Ao longo dos case 5 meses que durou o curso, os participantes adquiriron a formación necesaria para atender en institucións sociais a persoas con especiais necesidades e manter e mellorar a súa autonomía persoal e as súas relacións co entorno, incluíndo na súa formación técnicas de atención hixiénico alimentaria e animación social. O módulo de prácticas, que contou cunha duración de 80 horas, desenvolveuse en centros da comarca que teñen demanda neste ámbito profesional.

O acto contou coa presenza do presidente da Mancomunidade do Carballiño, Manuel Cerdeira, e alcaldes dos municipios que a integran.

Díaz Mouteira incidiu na importancia da formación de cara á mellora da empregabilidade. Neste senso, subliñou a aposta da Xunta pola organización de programas formativos co obxectivo de facilitar o acceso ao mercado laboral ás persoas desempregadas. “Unha das principais vantaxes da programación de cursos AFD é que as entidades promotoras axudan a confeccionala de acordo coas demandas de emprego que detectan no seu entorno”, indicou.

20 de marzo de 2019 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.