publicidade hoxe

Vinte desempregados da comarca de Monterrei participan no obradoiro dual ‘Támega V’ que ofrece formación en albanelería e xardinería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonterrei
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está a desenvolver o obradoiro de emprego Támega V, que comparten os concellos de Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Oímbra, Vilardevós e Laza. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá esta iniciativa de emprego na que 20 desempregados achegados dos concellos participantes contan cun contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses para especializarse en fábricas de albanelería e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Para o seu desenvolvemento, o Goberno galego achega 288.807 euros.

Na visita, Díaz Mouteira indicou que os obradoiros forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo a delegada territorial, é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. Así referiuse á principal novidade da modalidade dual dos obradoiros que permite que parte dos seus participantes conten, unha vez finalizado o período inicial de nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada na zona, e cunha actividade vinculada ás materias nas que se están formando.

Este tipo de programas mixtos de formación e emprego céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realizan. Tamén posibilitan que os participantes ademais de recibir formación tamén perciban o salario mínimo interprofesional.

A delegada territorial subliñou que os obradoiros trátanse dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional.

Durante os nove meses de duración deste programa mixto de formación e emprego o alumnado desenvolverá, entre outros, traballos de limpeza e axardinamento de áreas recreativas e parques, acondicionamentos de fontes e edificacións municipais e creación de parques infantís. Así, entre as actuacións previstas está o acondicionamento da escola da Retorta, no concello de Laza, para convertelo en Albergue; en Vilardevós proxectase o acondicionamento da primeira planta da antiga Cámara Agraria; no municipio de Castrelo do Val axardinarase a área recreativa As Parras e o Terrón; en Cualedro crearanse parques infantís en Carzoa e Atas, ademais de acondicionar para local social un alpendre en Lucenza; en Monterrei reconstruirase o muro perimetral na capela de San Sebastián; e, por último, en Oímbra actuarase nas áreas recreativas do Rabal e San Ciprián.

21 obradoiros na provincia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa na provincia de Ourense un total de 21 obradoiros nos que inviste 5,6 millóns de euros e que beneficiarán a 402 persoas en situación de desemprego. Dos 21 programas mixtos, 18 son duais e o resto, son específicos para menores de 30 anos, unha iniciativa que forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade.

13 de febreiro de 2019 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.