Medio Rural e o Concello de Baralla estudan impulsar novos proxectos de mobilización de terras agrarias
O conselleiro do Medio Rural, José González, recibiu esta mañá ao alcalde do concello de Baralla, Manuel Jesús González, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas deste municipio relacionadas co agro.
Así, ambos dirixentes analizaron a situación actual en canto a reestruturacións parcelarias no concello, co fin de potenciar máis procesos de reorganización. O obxectivo é ampliar así a base territorial das explotacións á vez que se mellora a calidade de vida dos veciños ao acondicionar as vías de comunicación. O conselleiro insistiu en que, ademais, a reorganización do territorio permite loitar contra o abandono de terras e contra os propios incendios forestais, polo que se comprometeu a analizar posibles proxectos de mobilización de terras que contribúan a dinamizar este municipio lugués.
O titular de Medio Rural tamén tomou nota da solicitude do rexedor para mellorar diversas infraestruturas rurais no núcleo de Recesende, centrando as obras no acondicionamento das vías de acceso a este lugar. José González sinalou que aínda está aberto o prazo para que os concellos poidan solicitar as achegas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020, que este ano conta cun orzamento de 15,9 millóns de euros.
A través deste plan, preténdese facilitar a ampliación, a mellora ou o mantemento dos camiños municipais, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Neste caso concreto, o importe que lle correspondería ao concello de Baralla ascende a case 69.000 euros, distribuídos en dúas anualidades.